O BNG APOSTA POLA A CULTURA E O DEPORTE “FRONTE AO DESLEIXO Á MESMA E Á POLÍTICA CACIQUIL DO PP"

O BNG APOSTA POLA A CULTURA E O DEPORTE “FRONTE AO DESLEIXO Á MESMA E Á POLÍTICA CACIQUIL DO PP"

O BNG mantivo en Vilalba un encontro co tecido asociativo da comarca da  Terra Chá  para intercambiar visións e propostas en torno á cultura e ao deporte de base.

Neste encontro participaron o Delegado de Cultura na Deputación de Lugo, Mario Outeiro, e o candidato do BNG-AA no Concello de Vilalba ás vindeiras eleccións municipais, Félix Jorquera, xunto con máis dun cento de representantes de Asociacións veciñais, culturais e deportivas da Terra Chá.

Vilalba, 26 de marzo do 2015.O BNG mantivo en Vilalba, no Hostal Terra Chá, un encontro co tecido asociativo da comarca da Terra Chá para intercambiar visións e propostas en torno á cultura e ao deporte de base.  Este encontro  tivo como finalidade poñer en valor o traballo do BNG á fronte das Áreas de Cultura e Deporte na Deputación de Lugo, así como trasladarlles ás asociacións as principais propostas da política cultural e deportiva do BNG e recoller, ao mesmo tempo, as súas demandas e carencias.

Nesta xuntanza participaron o candidato do BNG-Asembleas Abertas no Concello de Vilalba ás vindeiras Eleccións Municipais , Félix Jorquera,  e o Delegado de Cultura na Deputación de Lugo, Mario Outeiro. Estiveron tamén presentes representantes políticos do BNG en todos os Concellos da Terra Chá. Os nacionalistas expuxeron ante máis dun cento de representantes de asociacións culturais, deportivas e veciñais a liña política do BNG, “que pasa por unha férrea defensa do asociacionismo cultural e o deporte de base”, afirmou Outeiro.

Tal e como sinalou Mario Outeiro,“desde o BNG temos claro que a cultura e o deporte son dous piares fundamentais do benestar dunha sociedade, ademais de ser dous sectores importantísimos para o noso país desde o punto de vista social e económico. Por iso realizamos estes encontros, para poñer en común as nosas ideas e tamén para coñecer as principais problemáticas que afectan ao asociacionismo cultural e deportivo. Por iso traballamos desde as institucións nas que gobernamos, como é o caso da Deputación de Lugo,  apoiando, dinamizando e impulsando sempre o tecido asociativo.”

Mario Outeiro engadiu que “fronte ao desleixo ao asociacionismo e ao uso caciquil que o PP fai dos cartos públicos nas institucións nas que goberna, nós apostamos por unha distribución igualitaria e transparente dos mesmos, colaborando e escoitando a todas as asociacións, desde culturais, pasando por xuvenís, veciñais ou deportivas. Así o facemos nos Concellos nos que temos responsabilidades de goberno, e, por suposto, tamén na Deputación de Lugo”.

Apoio ao deporte de base e concepción dodeporte como unha parte fundamental do benestar das persoas

Segundo explicou Mario Outeiro,“o BNG ten fixado no seu ideario e na súa praxe política unhas prioridades claras, apostando por lo deporte que teña en conta tanto a súa vertente, educativa, de promoción do deporte base e da actividade física saudábel, como o ámbito competitivo, impulsando a actividade profesional deportiva de alto nivel en Galiza. Así as cousas, o BNG desde as institucións onde ten responsabilidades de goberno, como concellos ou a Deputación de Lugo, aposta claramente polo afortalamento do deporte de base en todas as súas modalidades e disciplinas e por unha concepción do deporte como unha parte fundamental do benestar das persoas”.

A cultura como ferramenta esencial para a transformación social e o afortalamento da consciencia e a identidade nacional galega

Por outra parte, afirmou Outeiro,“para o BNG a cultura é unha ferramenta esencial para a cohesión e a transformación social e o fortalecemento da consciencia e a identidade nacional. O BNG acredita nunha cultura galega viva, con intención formadora no persoal e transformadora no social, que estimule a participación cidadá, apoie a creación artística, visibilice a nosa produción cultural e actúe como elemento de dinamización e vertebración territorial, social e económica do noso país. Por iso cremos firmemente no asociacionismo de base, o xerme e motor da cultura no noso País, algo que sen dúbida se ve referendado polas políticas que o BNG executa alá onde goberna.”

Neste encontro houbo tempo tamén para un amplo coloquio onde todas as Asociacións presentes amosaron as súas demandas e propostas para o futuro. Estas foron recollidas polos nacionalistas para incorporalas aos programas electorais do BNG-AA para as eleccións municipais do vindeiro mes de maio. “O BNG-AA está coa xente, dialoga, escoita e recolle as súas inquedanzas para incorporalas á  práctica política. Así traballamos como organización e tamén nas institucións” defendeu Félix Jorquera, e, engadiu, “por iso o BNG-AA é garante de coherencia, traballo, honradez e transparencia.”