RODIL CRITICOU O DESMANTELAMENTO DAS BRIGADAS POR PARTE DA XUNTA E APOSTOU POR UN SISTEMA PÚBLICO 100%, OPERATIVO TODO AO ANO E HOMOXÉNEO EN TODA GALIZA

O BNG celebrou un acto aberto sobre a problemática dos incendios e a necesidade dun novo modelo forestal

Olalla Rodil trasladou as propostas do BNG en materia forestal e a aposta por un modelo “que poña o monte a producir e practicando políticas de prevención”

O BNG celebrou un acto aberto sobre a problemática dos incendios e a necesidade dun novo modelo forestal

Lugo, 26 de outubro de 2017. O BNG promoveu un encontro para falar e plantexar propostas sobre a necesidade dunha nova política forestal. A parlamentaria Olalla Rodil plantexou a necesidade de abrir un debate profundo para mudar a política forestal, para apostar por limpar e ordenar o monte e polo seu aproveitamento multifuncional. “Para evitar que se repita a tráxica vaga de lumes de novo hai que pensar a medio e largo prazo. Ou se cambia a política forestal, e se loita contra o abandono do rural, se toma en serio que hai un cambio climático, se toman medidas en relación a un territorio totalmente desordenado ou dentro de cinco, seis anos, dará igual que estea sentado no Goberno, volveremos a ter o mesmo problema” afirmou Olalla Rodil. O encontro celebrouse no Salón de Actos do Centro Social Uxio Novoneyra.

Rodil cualificou de “tremenda imprudencia” por parte de Xunta ter desactivado o dispositivo de loita contra os lumes dadas as condicións meteorolóxicas de este ano e reclamou “un sistema público 100%, operativo todo ao ano e homoxéneo en toda Galiza, ante un rural abandonado e con abundancia de biomasa” ademais lembrou que “o Bloque propuxo en Xuño, despois do lume de Portugal, a necesidade de mudar 180° a política forestal e que a Xunta negouse” e engadiu “naquel momento advertimos que o mellor antídoto para loitar eficazmente contra os incendios é ter un monte ordenado, produtivo e con usos multifuncionais mais, lamentablemente, as políticas da Xunta camiñan en dirección contraria, potenciando o monocultivo de especies que son altamente incendiarias como o eucalipto e desaproveitando a inmensa riqueza do noso monte, clave para ter un medio rural vivo e libre de lumes”.

“O grave problema é a falta de prevención e o abandono do medio rural que ten convertido Galiza nunha selva”, salientou a vice-portavoz parlamentaria, Olalla Rodil, “ao que se suma un dispositivo heteroxéneo, atomizado con brigadas de todo tipo, sen que exista unha homologación na preparación, nas funcións nin nas condicións laborais”. A deputada puxo como exemplo as brigadas nos concellos “que aos tres meses, cando o persoal empeza a estar preparado, desaparece e para o ano outra diferente”. “Non pode haber esa heteroxeneidade, hai que tomarse os lumes en serio, e sobre todo a protección da poboación”, recalcou Rodil, empezando por que se cumpra a normativa en vigor que, entre outras cuestións, establece franxas de protección con casas e infraestruturas de 50 metros.