RUBÉN ARROXO LEMBROU “A PRESENZA DOS GRUPOS NAS MESAS DE CONTRATACIÓN E NAS XUNTAS DE COMPRAS É GARANTE DE TRANSPARENCIA DOS ÓRGANOS NOS QUE SE GASTAN OS CARTOS PÚBLICOS”

O BNG critica que os grupos políticos da oposición sigan fóra da mesa de contratación e xunta de compras

IMG_9840
IMG_9840

Lugo, 10 de agosto de 2017. O edil do BNG-AA en Lugo, Rubén Arroxo, lembrou que os grupos políticos da corporación municipal seguen fóra das mesas de contratación e das xuntas de compras. Arroxo explicou que no pleno do mes de setembro do ano pasado a partir dunha iniciativa do BNG a corporación acordaba, co voto en contra do goberno, a presenza dos grupos nas mesas de contratación e nas xuntas de compras, tal e como viña sendo ata o inicio deste mandato, engadindo ademais o propio concelleiro que “ao igual que sucede con outras moitas iniciativas aprobadas no Pleno, este acordo segue sen executarse” algo que para o BNG é unha falta de respecto á democracia municipal.

En setembro o BNG levou unha proposición ao pleno do concello para pedir que os grupos políticos volvan ter presenza nas mesas de contratación e nas xuntas de compras. Para Rubén Arroxo a presenza dos grupos nas mesas de contratación e nas xuntas de compras “é garante de transparencia dos órganos nos que se gastan os cartos públicos”, debido a que nestes organismos é onde se executan as compras de todo tipo de material para a institución e para o uso publico da veciñana, ou onde se contratan as empresas que van xestionar os diferentes servizos municipais. Neste sentido, e a resposta da habitual argumentación por parte do propio goberno, Arroxo aclarou que “evidentemente que podemos asistir como cidadáns a estas xuntanzas, tamén poderiamos facelo aos plenos, pero a alcaldesa esquece que foron as e os lucenses quen nos elixiron para que os representemos, como forzas políticas, nesta institución, xa que non é o mesmo presentarse neste organismo, que recibir unha convocatoria con toda a documentación que se vai xestionar”.

O edil do BNG sinalou “todo o mandato se está falando de transparencia neste concello e cando, de verdade, se fai unha proposta sería para este ámbito, non se cumpre”. Durante o principio do mandato aprobáronse varias iniciativas, de diferentes grupos políticos, nas que se propoñía mellorar e establecer mecanismos para incrementar a transparencia da xestión pública municipal. As mesas de contratación e as xuntas de compras son dous dos órganos nos que se efectiviza gasto de diñeiro público e “por iso, ao mellor, á alcaldesa lle preocupa a nosa proposta” afirmou Arroxo.

O sorprendente é o interese do PSOE en non querer aos representantes electos nas Mesas de Contratación” dixo Rubén Arroxo. “Que os grupos políticos teñamos presenza nas mesas de contratación e nas xuntas de goberno non quere dicir que tomemos decisións, que para iso está o goberno, pero teremos toda a información de como, ese mesmo goberno, adxudica os cartos públicos” explicou aoedil do BNG.

O BNG sempre defendeu a presenza de todos os grupos políticos da corporación na Xunta de Compras e a Mesa de Contratación co fin de afondar precisamente na transparencia municipal, e que as forzas políticas que representan, dentro do concello ao pobo de Lugo, poidan ser observadores directos das inversións que a institución fai co diñeiro público. “Cando daba inicio o actual mandato, unhas das primeiras medidas tomadas foi precisamente a da suspensión destes dous órganos municipais, dando un paso atrás de moitos anos na transparencia do Concello de Lugo” afirmou Rubén Arroxo.

O BNG critica que os grupos políticos da oposición sigan fóra da mesa de contratación e xunta de compras