O BNG define como “incapacidade política absoluta” que se peche o peirao dos Robles

IMG_4677
IMG_4677

“Fica claro que non vale para gobernar quen en vez de dar solucións pecha as infraestruturas existentes” Afirmou Rubén Arroxo

O BNG define como “incapacidade política absoluta” que se peche o peirao dos Robles

Lugo, 14 de agosto 2018. O BNG volveu cuestionar unha vez máis a falta de vontade absoluta do PSOE para que a xente de Lugo poida usar o Miño como unha zona pública de baño. Se en días pasados dende a organización nacionalista denunciaban que o goberno municipal xa deixaba claro na Comisión de Seguimento de Asuntos Plenarios “que non hai vontade política e que non se vai facer” asumindo por tanto que Lugo siga sendo un dos poucos concellos polos que pasa o Miño sen unha área de baño, hoxe podemos ver como o propio PSOE dende a Deputación boicotea outra proposta do BNG, que foi aprobada en pleno por unanimidade, como era a de adaptar o pantalán dos Robles como un acceso seguro ao río, e onde se delimitase a zona de baño tanto para a seguridade das persoas que se bañan, como para protexer as especies máis delicadas.

 

Dende o BNG lembran que xa é moi reiterado o boicot da Deputación á zona de baño. O ano pasado o propio BNG conseguira todas as autorizacións para poder levar adiante un acceso seguro para bañista ao río, pero o entre provincial impediu que se puidese executar nun terreo da súa propiedade como é o entorno dos Robles. A maiores disto no seu momento o propio presidente provincial negouse incluso a recibir ao portavoz municipal do BNG para intentar desbloquear a situación. “Semella que directamente a Deputación, e o seu brazo executor do goberno municipal, teñen a intención absoluta de impedir que Lugo teña unha zona pública de baño, negando a posibilidade a toda a veciñanza a poder usar o río nos días de calor, algo así só pasa cun goberno que non cre en Lugo” afirmou Arroxo

 

O propio portavoz do BNG dixo que “esta non é a primeira cuestión deste estilo que se ve en Lugo, hai 3 anos vendo o perigo do acceso do parque Marcos Cela á Volta da Viña decidiuse pechalo en vez de reparalo, o cal demostra a falta total deste goberno por dar solución aos problemas da cidade”

 

Finalmente o BNG volve pedirlle á alcaldesa que recoñeza publicamente que o PSOE non quere e non vai facer a zona pública de baño e que deixe así de enganara a todas as veciñas de Lugo.