MAR PÉREZ FRA, CONSIDERA QUE AS AXUDAS “ESTÁN MAL XESTIONADAS, A CARGA BUROCRÁTICA PARA AS GANDEIRAS É EXCESIVA, SON INSUFICIENTES E PÁGANSE CON MOITO RETRASO”

O BNG demanda á xunta a compensación dos danos causados pola fauna salvaxe

O BNG solicitará á Xunta que impulse unha boa xestión e ordenación do monte que permita preservar o medio ambiente sen ir en contra dos labregos.

O BNG demanda á xunta a compensación dos danos causados pola fauna salvaxe

Friol, 16 de maio de 2019. A candidata do BNG á alcaldía de Friol, Mar Pérez Fra, insta á Xunta de Galiza a asumir “que o interese ecolóxico da conservación necesaria das especies é un ben público e non pode nin debe ser sostido por grupos sociais particulares”. Segundo a candidata, as escasas medidas que foron postas en marcha por parte da Xunta para controlar, minorar e compensar os danos provocados pola fauna salvaxe aos titulares de explotacións agrarias nin atallan o problema nin compensan economicamente os danos que producen. “Estas axudas están mal xestionadas, a carga burocrática para as gandeiras é excesiva, son insuficientes, e páganse con moito retraso”.

 

Mar Pérez fixo estas declaracións nunha visita á explotación de Concha Blanco Montecelos, quen sufriu recentemente a perda dunha vaca preñada por un ataque do lobo. Esta explotación padeceu varios ataques do lobo este ano, un problema cada vez máis frecuente e que afectou a máis explotacións en Friol. Concha Blanco Montecelos, tamén candidata do BNG en Friol, incidiu na necesidade de reducir a carga burocrática axilizando a tramitación destas axudas, ao tempo que lembrou que “no caso de chegar a cobrarse unha axuda da administración esta demora máis dun ano chegando aos dous nalgunha ocasión”.

Mar Pérez asegura que “os danos causados pola fauna salvaxe na gandería e na agricultura son constantes e van en aumento cada ano, causando graves problemas económicos a moitas explotacións agrarias do noso medio rural” e fronte as políticas da Xunta de Galiza que “consisten en enviar batidas e resultan inútiles” mantén que o obxectivo debe ser dotarse dunha boa xestión e ordenación do monte que permita “preservar o medio ambiente sen ir en contra dos labregos e os habitantes do rural.”

A candidata á alcaldía amosou a súa preocupación polos danos causados polo lobo e o xabaril ao gando e a agricultura respectivamente, cuestión que inquieta especialmente aos labregos do concello, e anuncia que o BNG “demandará da Xunta de Galiza a compensación da totalidade dos danos provocados pola fauna salvaxe en explotacións agrarias e gandeiras”.