O BNG DI QUE O GOBERNO DE LÓPEZ OROZCO É “INEXISTENTE NESTE MOMENTO”

O BNG DI QUE O GOBERNO DE LÓPEZ OROZCO É “INEXISTENTE NESTE MOMENTO”

IMG_6124“Estamos nun concello con cartos e capacidade económica que quedou paralizado pola incompetencia do goberno municipal do PSOE” dixo Abraira 

A realidade do concello de Lugo é un hospital de segunda, un polígono industrial que non acaba de despegar, edificios públicos en ruinas, contratos pendentes e ordenanzas paradas a pesar dos diferentes compromisos feitos

Lugo, 1 de novembro 2014. A voceira do BNG no concello de Lugo, Paz Abraira, denunciou publicamente a inoperancia do goberno municipal do PSOE. Para o BNG “o goberno municipal non existe neste momento”. “Os plenos da corporación están sen contidos referentes á xestión municipal dende fai moito tempo” explicou Paz Abraira e engadiu que “xa levamos varios plenos sen iniciativas de goberno, somentes se están tratando aqueles asuntos que veñen impostos por outras administracións e as dacións de contas”. “Agora o PSOE sorpréndenos, despois de todo o mandato sen presentar iniciativas como grupo político, cunha morea de mocións tipo que lles envian dende Madrid pero segue a notarse a falta de traballo na política municipal lucense” afirmou Abraira.

Un exemplo será o pleno deste luns no que os únicos asuntos que se tratarán son os de trámite e as mocións presentadas polos grupos políticos. Paz Abraira sinalou que “o mesmo sucede nas xuntas de goberno onde, practicamente, so se tratan as licenzas de obras menores” e engadiu que “estamos diante dun goberno carente de alternativa e de estratexia” e “todo esto ten o seu reflexo nas sesións plenarias onde, xa fai tempo, que non se tratan asuntos que revertan na mellora da cidade por que o goberno municipal está paralizado”.

A voceira do BNG dixo, tamén, que “estamos nun concello con cartos e capacidade económica para actuar, como se acaba de demostrar cando se aprobou o investimentos de varios millóns de euros”. Abraira avanzou que moitas destas inversións comprometidas “van quedar se executar pola incompetencia dos responsables de determinadas áreas do concello e do propio alcalde”. Abraira referiuse tamén ás relacións do concello coa Xunta de Galiza e, nomeadamente, ao recentemente paralizado Plan Paradai e ao inexistente acordo para acometer obras no Cuartel de San Fernando “o goberno municipal do PSOE é incapaz de facer fronte a outras administracións cando impoñen medidas que arremeten contra Lugo e os lucenses” dixo Abraira.

Paz Abraira precisou que “vivimos nun concello cada vez máis carente de servizos para a cidadanía, cun goberno permanentemente excusado nas dificultades burocráticas para non facer nada”. Sería, para o BNG, o goberno municipal quen debería abandeirar socialmente as demandas fundamentais dos e das lucenses. Abraira lembrou que temos, neste concello, “un HULA de segunda, un polígono industrial que non acaba de despegar, edificios públicos en ruinas, contratos pendentes e ordenanzas paradas a pesar dos diferentes compromisos feitos”. A voceira do BNG precisou que “algúns destes compromisos do goberno municipal foron acordados co BNG no seu momento e nunca chegaron a cumprirse”.

A paralización da vida municipal

Ademais da “falta de ambición por mellorar Lugo”, Abraira insistiu na “descomposición na que se ve envolto o equipo de goberno do PSOE, sen dirección política e no que todos ven a carreira dende a barreira”. O PSOE en Lugo está máis preocupado polos problemas internos relacionados coa corrupción que por resolver os problemas relacionados coa cidade e co concello. A vida municipal está absolutamente xudicializada e non se move un papel para resolver todas as cuestións que están pendentes como é o caso da renovación de contratos e da efectivización de diversas ordenanzas que “quedaron no caixón”. Abraira criticou tamén que, na maioría dos casos, tampouco se executan os acordos plenarios. Está paralizada a renovación de diversos contratos como é o caso do servizo de buses, a xestión da potabilizadora e da depuradora, o mantemento do alumeado público. O mesmo ocorre coas normativas que se puxeron en marcha e nada se sabe delas como a de publicidade exterior ou a de ruidos. Tampouco se avanzou, a pesares do interese de PP e PSOE, na aprobación do PXOM.

Expedientes para algúns funcionarios

O goberno municipal parece moi interesado en abrir expedientes sancionadores a determinados funcionarios. Paz Abraira afirmou que “a algúns funcionarios ábrenselles expedentes pero mírase para outro lado cando se trata de funcionarios que tamén comparten imputación con membros do goberno municipal en distintos en casos”. “Preguntámonos se o goberno non debería, tamén, abrir expedientes sancionadores a aqueles concelleiros que non cumpren, nin minimamente, coas súas obrigas” concluíu a voceira do BNG no concello de Lugo.