“É SORPRENDENTE QUE O ÚNICO QUE FAGA FEIJÓO NA TINERÍA SEXA PROPAGANDA DE REHABILITAR UNHA CASA, CANDO LEVA 8 ANOS CO PLAN DE RECUPERACIÓN DO BARRIO PARALIZADO” DIXO ARROXO

O BNG esixe a execución do plan integral de rehabilitación e rehabitación da Tinería

Rubén Arroxo sinalou que “se o BNG tivese seguido unha lexislatura máis no Goberno Galego, hoxe a Tinería xa estaría totalmente rehabilitada”

O BNG esixe a execución do plan integral de rehabilitación e rehabitación da Tinería
Lugo, 28 de abril de 2017. O voceiro do BNG – Asembleas Abertas, Rubén Arroxo, sorpréndelle a propaganda creada pola Xunta pola rehabilitación do inmoble número 15 da rúa Tinería para a que se anunciou unha inversión de 815.000 euros, cantidade moi por riba do prezo de mercado, cando a propia Xunta de Galiza leva 8 anos co proxecto de rehabilitación paralizado “É sorprendente que o único que faga Feijóo na Tinería sexa propaganda de rehabilitar unha casa, cando leva 8 anos co plan de recuperación do barrio paralizado”.

O propio voceiro do BNG quixo lembrarlle ao señor delegado da Xunta en Lugo, que eses inmobles dos que fala que a Xunta leva rehabilitados no barrio foron na época na que o BNG levaba vivenda no goberno galego, dado que coa chegada de Feijóo parouse o programa “cos compromisos que había na mesa, se o BNG tivese seguido unha lexislatura máis no Goberno Galego, hoxe a Tinería xa estaría totalmente rehabilitada” afirmou Arroxo.

O grupo nacionalista no Parlamento Galego leva dende o 2009 esixíndolle á Xunta que retome as inversións na Tinería, neste mesmo ano no pleno no que se trataron os orzamentos galegos, o PP impediu o debate e aprobación da emenda presentada polo BNG para incluír as partidas económicas necesarias para avanzar na rehabilitación do barrio “o BNG seguirá plantexando proposta e reclamando investimento para a zona” dixo o concelleiro nacionalista.

Pazo de Dona Urraca, Hospital do Camiño e restos arqueolóxicos

A recuperación do barrio incluía no seu día a intervención no Pazo de Dona Urraca e o seu entorno (UI-8), cun orzamento de 2,3 M€ para a rehabilitación do inmoble como Centro de Estudios, Documentación e Investigación de Servicios Sociais, a construción de 2 edificios interxeracionais con 11 apartamentos para xoves menores de 35 anos e maiores de 60 anos,

así como un Centro de Día para personas maiores.Ademais de estar pendente a musealización dos restos arqueolóxicos da Unidade de Intervención UI-7 onde se atoparon fornos.

Premio Dubai de Boas Prácticas das Nacións Unidas

Cómpre lembrar que a importante inversión feita neste ambicioso Plan, que ascendeu a mais de 30 millóns, e que está desde o ano 2009 paralizada, fora merecente do Premio Dubai de Boas Prácticas outorgado polas Nacións Unidas. “É unha desfeita que o PP castigue a Lugo abandonando un traballo que foi recoñecido polas propias Nacións Unidas” dixo Rubén Arroxo.  

O citado premio valoraba a recuperación do patrimonio por unha iniciativa pública, a rehabilitación e rehabitación dun barrio á carón da Muralla de Lugo, porque posibilitaba a recuperación da actividade comercial e social do barrio, a creación de emprego así como o uso dos baixos, propiedade pública, para o emprendemento e mesmo usos institucionais, e a posta en valor do patrimonio arqueolóxico da zona.