A PARLAMENTARIA OLALLA RODIL XUNTO CON EDILES DE LUGO, SARRIA, MONFORTE E A POBRA DO BROLLÓN ANUNCIARON INICIATIVAS NAS INSTITUCIÓNS PARA PEDIR QUE SE ACOMETA A OBRA DE XEITO INMEDIATO

O BNG esixe o “inmediato” desdobramento do corredor Nadela - Monforte

Nos últimos 5 anos, nesta Vía de Altas Prestacións, xa son 12 as persoas falecidas e numerosos feridas graves en accidentes de tráfico

O BNG esixe o “inmediato” desdobramento do corredor Nadela - Monforte

Sarria, 28 de xuño de 2019. A deputada do BNG no Parlamento Galego, Olalla Rodil, anunciou hoxe en Sarria a presentación de iniciativas nas diferentes institucións “para que a Xunta cumpra coa súa obriga e inicie, de inmediato, o desdobramento do corredor Nadela - Monforte”. Olalla Rodil sinalou “o desdobramento debe facerse na totalidade desta Vía de Altas Prestacións para convertela en autovía e evitar que se sigan producindo mortes tal como estamos vendo dende a súa apertura”. Dende a apertura, en  2008, desta Vía de Altas Prestacións xa son 12 as persoas falecidas e numerosos feridas graves en accidentes de tráfico.

Rodil estivo acompañada de representantes do BNG nos concellos de Sarria, A Pobra do Brollón, Monforte e Lugo e lembrou “en febreiro deste mesmo ano anunciábanse 23 millóns de euros para desdobrar o tramo entre A Pobra de San Xiao e Sarria pero non se fixo nada e vemos como os accidentes seguen producíndose”. Para o BNG “o desdobramento ten que facerse dende Nadela ata Monforte e empezar, canto antes, a execución das obras para evitar a sangría de vidas humanas e de persoas feridas de gravidade”.

 

Dende o ano 2011 a Xunta de Galiza conta cun proxecto para  a realización do desdobramento desta Vía de Alta Capacidade. Rodil sinalou “é evidente que se trata dunha decisión política, dende a apertura deste corredor vense anunciado o desdobramento pero non se fixo nada”. A parlamentaria do BNG avanzou que “o BNG levará iniciativas a todas as institucións onde ten representación, principalmente ao Parlamento Galego por que alí é onde o sr. Feijoo vai escoitar as nosas demandas, por que é el quen ten que tomar a decisión dotar orzamentariamente o proxecto e de iniciar as obras”.