O BNG esixe a regulación dos sinais acústicos da rede semafórica

 “Algúns dos poucos sinais acústicos que se colocaron non funcionaron nin 3 meses” dixo Rubén Arroxo

O BNG esixe a regulación dos sinais acústicos da rede semafórica

Lugo, 27 de agosto 2018. O grupo municipal do BNG reclamará novamente ao goberno municipal que se faga unha regulación dos sinais acústicos da rede semafórica. Hai 2 anos o propio grupo nacionalista xa trasladou a proposta de incrementar estes sistemas, especialmente nos semáforos con máis tráfico tanto peonil como de vehículos, un destes semáforos aos que se fixo mención de forma concreta foi ao da intersección de Bispo Aguirre coa Praza Xaquín Lourenzo e Anxo López Pérez, un dos puntos da cidade polos que máis peóns cruzan, o cal foi posto hai en torno a un ano, pero que funcionou escasos meses. Rubén Arroxo explicou que “este cruce é utilizado a diario por centos de persoas, algunhas delas con dificultades de visión, e resulta de especial dificultade por que os coches proceden de 3 rúa diferentes e a cantidade de ruído que hai sempre neste cruce dificulta a orientación das persoas invidentes”. Arroxo sinalou que “en Lugo tense avanzado moito neste senso pero temos que seguir avanzando por que non está todo feito”.

 

Nesta liña o BNG volve trasladar queixas que xa foron presentadas ao Concello por persoas invidentes sobre nivel sonoro do sistema que emite indicacións acústicas, nos semáforos, para persoas con dificultades de visión foi reducido nun 20%, segundo informou algún dos afectados ao voceiro do BNG. Segundo explicou Rubén Arroxo “parece ser que esta redución se efectuou para evitar molestias que provocan en horario nocturno”, porén en horarios de máis tráfico non é sinxelo escoitar algunhas destas sinais. Rubén Arroxo visitou varios destes semáforos acompañado dunha persoa con dificultades de visión que padece, en primeira persoa, os problemas do colectivo. As persoas con dificultade de visión que utilizan estes sinais acústicas como guías para moverse pola cidade teñen, durante o día, dificultades para escoitar con nitidez as mensaxes que se emiten dende a rede semafórica. Para Rubén Arroxo “o goberno municipal pode buscar solucións que axusten o nivel sonoro en horario nocturno, pero non pode ser que as persoas que utilizan os sinais acústicos non o poidan escoitar durante o día”.

 

Rubén Arroxo lembrou que cando se acometeu a segunda fase de instalación de semáforos sonoros, no ano 2008, “dende o goberno municipal asegurábase que a instalación facíase contando coa opinión das asociacións afectadas, instalando un dispositivo de sinalización acústica con emisión de mensaxe de voz grabado, e con volume axustable, evitando así as posibles molestias.

O BNG esixe a regulación dos sinais acústicos da rede semafórica