ARROXO LEMBROU “CANDO O PP ENGANOU AO LUCENSES PRIVATIZANDO O APARCADOIRO DO HOSPITAL E A CANTIDADE DE VECES QUE O PSOE NOS ENGANOU ANUNCIANDO A CREACIÓN DO LEIRAPARKING”

O BNG inicia unha campaña de recollida de sinaturas para a apertura do “Leiraparking” do HULA

“O BNG non ten que defender intereses que freen a apertura dun espazo no que se podería aparcar de xeito gratuíto” dixo Rubén Arroxo

O BNG inicia unha campaña de recollida de sinaturas para a apertura do “Leiraparking” do HULA

Lugo, 27 de abril de 2018. O voceiro do BNG-AA, Rubén Arroxo, anunciou hoxe o comenzo dunha campaña de recollida de sinaturas para demandar a apertura dun espazo no que se poida aparcar libremente e de xeito gratuíto. Arroxo lembrou “cando o PP enganou ao lucenses privatizando o aparcadoiro do Hospital e a cantidade de veces que o PSOE nos enganou anunciando a creación do Leiraparking”. O concello conta con terreos nas inmediacións do HULA que poderían ser acondicionados para abrir un espazo no que os coches puideran aparcar.

“O BNG non ten que defender intereses que freen a apertura dun espazo no que se podería aparcar de xeito gratuíto” dixo Rubén Arroxo e manifestou a súa incomprensión “non sabemos cales son as razóns que levan ao PSOE a anunciar reiteradamente a apertura do Leiraparking e e despois a recuar e non cumprir cos seus compromisos”. Arroxo sinalou que o acondicionamento do espazo e a súa apertura non debería levar máis de dous meses. “O compromiso fíxose incluso diante de representantes de colectivos veciñais, pero parece que a alcaldesa non se ruboriza dos seus incumprimentos” concluíu Arroxo.

“O problema de aparcamento no entorno do HULA e a falta de iniciativa do goberno local para darlle solución é extensible ao que sucede no resto da cidade” afirmou Arroxo que se referiu ao sucedido co sistema ORA e aos aparcadoiros disuasorios “anunciados e nunca creados”. Para o BNG “urxe unha solución pública e gratuíta para as prazas de aparcamento no HULA, non pode ser que a xente teña que dar centos de voltas ou acabar pagando ás empresas que se lucran da desgraza de quen ten que pasar días e días acompañando enfermos ou asistindo a consultas médicas”.

Campaña de recollida de sinaturas

Rubén Arroxo informou que, durante os vindeiros meses, o BNG extenderá a recollida de sinaturas a diferentes puntos da cidade e ao propio HULA  “sabemos que son miles as persoas que están indignadas con este asunto e imos poñer os medios para que poidan trasladarlle a súa indignación a este goberno municipal que non da resposta aos problemas reais da xente”.