“A ÚLTIMA CONVOCATORIA FOI EN 2015 XUSTO ANTES DAS ELECCIÓNS E AGORA ÁBRESE OUTRA VEZ ANTES DAS ELECCIÓNS DE MAIO DE 2019” DIXO MAITE FERREIRO

O BNG “lamenta” que o PSOE solo convoque estes orzamentos pseudo-participativos nos anos electorais

A edil do BNG lembrou que “trátase dun novo engano, igual que no ano 2015, onde solo se materializaron 46 proxectos do 264 presentados”

O BNG “lamenta” que o PSOE solo convoque estes orzamentos pseudo-participativos nos anos electorais

Lugo, 30 de xullo 2018. A edil do BNG no concello de Lugo, Maite Ferreiro, lamentou que “o PSOE unicamente faga convocatorias de orzamentos pseudo-participativos nos anos electorais”  e sinalou “non houbo convocatorias nos anos 2016 e 2017 pero agora faise a convocatoria para que a alcaldesa poida pasearse polos barrios como fixo cando recolleu as propostas sobre o bus que despois non se tiveron en conta”.

“A última convocatoria foi en 2015 xusto antes das eleccións e agora ábrese outra vez antes das eleccións de maio de 2019” dixo Maite Ferreiro e explicou que “estes procesos nada teñen que ver cuns orzamentos participativos reais, trátase dun paripé do PSOE para despois facer as obras que lles piden os seus adláteres”. Ferreiro insistiu en que “non é serio xustificar a execución dun orzamento municipal en base ao número de gústames que recibe un proxecto na web”.

Para o BNG trátase dun acto propagandístico neste ano electoral no que non se vai contar coa xente. Para o BNG “trátase dunha proposta que nace estrelada por que o goberno municipal non foi capaz a de desenvolver ningún proxecto”. Segundo Maite Ferreiro “un proceso de elaboración de orzamentos participativos precisa dun traballo de explicación e motivación aos veciños e veciñas para que se involucren e plantexen as súas necesidades sendo coñecedores dos mecanismos de participación e das súas posibilidades”.

No 2015 executáronse 46 proxectos dos 264 presentados

Ferreiro lembrou que na última convocatoria de orzamentos deste tipo que fixo o goberno socialista, no ano 2015, unicamente se executaron 46 proxectos dos 264 presentados “ignoráronse o 83 % das propostas, o que deixa claro que é unha operación propagandística e non un proxecto real de orzamentos participativos”. E algúns de estes proxectos foron tan chamativos como a cuberta dunha nave do parque de Frigsa “non é normal que o amaño dunha instalación municipal se inclúa neste tipo de orzamentos” sinalou Ferreiro.