PARA O BNG A FALTA DE SOLUCIÓN A ESTA CUESTIÓN LABORAL PODERÍA ABRIR UNHA NOVA PORTA Á PRIVATIZACIÓN PARA O ÚNICO SERVIZO PÚBLICO QUE SE CREOU NOS ÚLTIMOS ANOS NESTE CONCELLO

O BNG lembra que “a única solución viable para o persoal da Escola de Música é unha modificación parcial da RPT”

A edil Maite Ferreiro pediulle ao goberno municipal que “afronte dunha vez esta cuestión para darlle unha solución definitiva” e sinalou que “o BNG xa propuxo esta solución en abril do ano pasado”

O BNG lembra que “a única solución viable para o persoal da Escola de Música é unha modificación parcial da RPT”

Lugo, 7 de febreiro de 2018. A edil Maite Ferreiro lembrou, despois da resolución coñecida hoxe,  que o BNG -Asembleas Abertas xa trasladou, en abril de 2017, unha proposta  á comisión de Persoal do Concello de Lugo para acometer unha modificación parcial da Relación de Postos de Traballo co fin de garantir a pervivencia da Escola Municipal de Música. Maite Ferreiro sinalou que “este é, practicamente, o único camiño para evitar unha posible desaparición da Escola Municipal de Música”. Para o BNG a falta de solución a esta cuestión laboral podería abrir unha nova porta á privatización para o único servizo público que se creou nos últimos anos neste concello.

Para o BNG-AA o Goberno Municipal debe dar pasos “valentes” no sentido, manifestado por todos os grupos políticos da corporación, de garantir a continuidade da Escola Municipal de Música e por iso “non se pode agardar, sen facer nada, por segunda vez un tribunal non admitiu o recurso presentado dende o concello e o fiasco en que se converteu o intento de crear unha nova RPT non da solución a este colectivo” dixo Ferreiro e concretou que “por iso insistimos en avanzar nunha solución factible, rápida e eficaz que garanta a continuidade da Escola de Música e preserve a situación laboral das persoas que prestan servizo nela”.

A modificación parcial da RPT é un procedemento ampliamente utilizado nas administracións locais e neste caso “é entendible que se aplique para garantir a continuidade da Escola de Música xa que é un servizo público cunha ampla demanda social” . “Unha modificación parcial, que garanta a continuidade da Escola Municipal de Música, non é incompatible co avance na redacción dunha RPT xeral do concello” sinalou Maite Ferreiro que defendeu, unha vez máis, a necesidade de que o Goberno Municipal dea solución á regularización da Relación de Postos de Traballo do Concello.

Ademais de perigar a continuidade da Escola Municipal de Música tamén se poñen en perigo os salarios de todo o persoal que atende a Escola e, ao mesmo tempo, forman parta da Banda Municipal de Música. “Estamos falando duns profesionais que traballan mañá e tarde para este concello e que pasarían de cobrar un pouco máis de mil euros a cobrar pouco máis de 500 euros mensuais” informou o voceiro do BNG-AA.