O CANDIDATO Á ALCALDÍA ANUNCIOU UN PLAN DE SEGURIDADE VIAL A EXECUTAR NOS TRES PRIMEIROS MESES DE GOBERNO

O BNG levará adiante o repintado dos pasos de peóns en canto goberne

“En Lugo supéranse todos os anos os 50 atropelos, urxe apostar pola mellora da seguridade vial”, indicou Arroxo

O BNG levará adiante o repintado dos pasos de peóns en canto goberne

Lugo, 10 de abril de 2019. Rubén Arroxo anunciou un plan de repintado de todos os pasos de peóns da cidade en canto goberne. Arroxo indicou que “na cidade de Lugo prodúcense de media 50 atropelos cada ano”. En palabras do voceiro do BNG, cómpre apostar por unha mellora na seguridade vial, e dentro destas medidas, o repintado dos pasos de peóns son unha necesidade evidente. O goberno municipal explicou a principios deste ano, que só repintara 52 pasos de peóns nos últimos catro anos, algo que para o BNG resulta escandaloso. “A día de hoxe, algúns dos pasos de peóns están tan borrados que polas noites ou cando chove, resultan moi difíciles de distinguir”, indicou Arroxo.

O BNG aposta por unha cidade na que os peóns poidan desprazarse con total seguridade. Desde a formación nacionalista lembran que en xaneiro 2017 presentaron unha moción, que foi aprobada polo pleno municipal, sobre a inclusión do concello á Rede de Cidades que Camiñan. En setembro de 2018, na comisión de infraestruturas, o BNG formulou unha pregunta relativa á inclusión da cidade nesta rede, onde se respondeu que antes de 2019 Lugo formaría parte dela. “Dado que este goberno, en dous anos e medio foi incapaz de unirse a esta rede, dende o BNG faremos da mobilidade na cidade un punto chave do noso goberno”, indicou Arroxo.

Paso de peóns do Camiño Primitivo

Dende a formación nacionalista lémbrase que en 2017 se solicitara a instalación dun paso de peóns na Rolda do Carme, á altura do paso do camiño primitivo. “Case dous anos despois, seguimos a ver como as persoas que transitan polo camiño están cruzando a Rolda do Carme sen ningún tipo de sinalización nin garantía de seguridade” explicou Rubén Arroxo.