PARA O BNG “TRÁTASE DUNHA VULNERACIÓN DA PROPIA LEI 9/2011 DE MEDIOS AUDIOVISUAIS PÚBLICOS DE GALIZA QUE RECOLLE CAL DEBE SER O ESPÍRITO DESTES MEDIOS”

O BNG levará ao Pleno do Concello unha iniciativa para reclamar o mantemento dos informativos locais na Radio pública Galega

Maite Ferreiro mantivo “o PP está a desmantelar o servizo público que presta a Radio Galega limitando a información e eliminando espazos como o Diario Cultural”

O BNG levará ao Pleno do Concello unha iniciativa para reclamar o mantemento dos informativos locais na Radio pública Galega

Lugo, 14 de maio de 2018.  A edil do BNG-AA informou da presentación dunha iniciativa para ser tratada no Pleno do Concello de Lugo nas que se reclamará o mantemento das desconexións locais nos informativos da Radio Pública de Galiza. Maite Ferreiro sinalou que a dirección da CRTVG vén de anunciar que serán suprimidas as desconexións locais dos servizos informativos radiofónicos. “A pretendida supresión das desconexións informativas locais suporá unha maior centralización informativa e a perda das referencias horarias coas que durante anos contou a poboación, a un ano das eleccións municipais de 2019” dixo Maite Ferreiro.

Para o BNG “trátase dunha vulneración da propia Lei 9/2011 de medios audiovisuais públicos de Galiza que recolle cal debe ser o espírito destes medios”. A televisión e a radio públicas de Galiza constitúen, alén dun servizo público, un dereito  fundamental para a poboación do noso país. Así xurdiron, co obxectivo de garantir o acceso a unha información próxima, plural que puxese o foco na realidade galega e contribuíse, entre outras cuestións, a normalizar a lingua propia, promocionar e difundir a cultura galega na defenda da identidade de Galiza.

A proposta do BNG servirá para instar á Dirección da CRTVG así como a Xunta de Galiza a garantir e afortalar o carácter de servizo público da radio e televisión públicas así como a cumprir a Lei 9/2011 de medios audiovisuais públicos garantindo  o pluralismo ideolóxico, político, cultural e social do país así como a difusión e promoción da lingua e a cultura galegas como elementos centrais da identidade propia de Galiza.

A desaparición do Diario Cultural

Unha medida que se enmarca nun conxunto de mudanzas na programación que suporá tamén a supresión do Diario Cultural, principal espazo informativo en materia de cultura que leva 28 anos en antena. O programa pasará a se difuminar entre a programación xeralista, os informativos e o entretemento sendo substituído na franxa horaria que viña ocupando por un novo programa deportivo. A desaparición do Diario Cultural como espazo radiofónico de información, debate e reflexión de seu súmase á supresión da maior parte da programación cultural da radio e televisión públicas de Galiza desde que goberna o Partido Popular e Feijóo. Aberto por reformas, Onda Curta, Libro Aberto, Planeta de Cine, Planeta Furancho, Onda Vital, Eirado ou Alalá desapareceron da grella desde 2009.