NO REPARTO DO PLAN ÚNICO DA DEPUTACIÓN DO 2019, AO CONCELLO DE CASTROVERDE CORRESPÓNDENLLE 297.036 EUROS

O BNG levará propostas ao Pleno de Castroverde para incluír nos fondos do Plan Único

Para o BNG “é necesario destinar os fondos do Plan Único a cubrir necesidades reais da veciñanza como é o abastecemento de auga”

O BNG levará propostas ao Pleno de Castroverde para incluír nos fondos do Plan Único

Castroverde, 4 de marzo de 2019. O voceiro do BNG no concello de Castroverde, presentará unha iniciativa para o vindeiro Pleno da corporación. A proposta do BNG vai encamiñada a incluír os fondos necesarios para que se realicen as traídas de auga das parroquias de Covelas e Tórdea no Plan Único da Deputación 2019, con cargo aos fondos destinados a investimentos en obras públicas municipais do citado Plan. Gómez lembrou que “o Plan Único estableceuse na Deputación de Lugo grazas ás propostas e ao traballo do BNG nesta institución”.

Segundo explicou o voceiro do BNG “trátase de iniciar un plan para abastecer de auga as parroquias que nos últimos anos padeceron unha escaseza importante de auga para atender a súas necesidades” e engadiu “para o alcalde estas traídas non son prioritarias e decidiu non incluílas nos orzamentos municipais”. No debate dos orzamentos municipais dos anos 2017 e 2018, Xosé Gómez Fernández, Portavoz do BNG, xa propuxera que se destinara unha partida económica a dotar de traídas de auga potábel as parroquias do concello de Castroverde que aínda están sen ela ou que non teñen cubertas as súas necesidades, tanto para uso domestico como para as explotacións agrarias.

No reparto do Plan Único da Deputación do 2019, ao concello de Castroverde correspóndenlle 297.036 euros. Destes, o 50 %, uns 150.000 euros, téñense que destinar a investimentos en obras públicas municipais. O subministro de auga potábel e o saneamento dos núcleos é unha necesidade e unha demanda de moitas parroquias e lugares do municipio.