O BNG LEVA ANOS ADVERTINDO DO MAL FUNCIONAMENTO DO POZO DE TORMENTAS DA GARABALLA INCLUSO CON DENUNCIAS Á CONFEDERACIÓN HIDROGRÁFICA E INICIATIVAS PLENARIAS

O BNG levará os verquidos de augas fecais no Rato á oficina do Valedor do Pobo

Recentemente ao concello de Lugo abríuselle un expediente sancionador despois de que o BNG presentara unha denuncia ante o SEPRONA

O BNG levará os verquidos de augas fecais no Rato á oficina do Valedor do Pobo

Lugo, 23 de maio de 2018. O voceiro do BNG-AA no concello de Lugo anunciou que levará o tema dos verquidos do Rato á oficina do Valedor do Pobo. Arroxo dixo que “os verquidos ao Rato son unha enfermidade crónica que o PSOE se nega a resolver” e lembrou as innumerables iniciativas que o BNG ten presentado no concello de Lugo e ante diferentes instancias para que se dea solución a este problema. “As veciñas e veciños da Garaballa levan anos sufrindo estes verquidos e os seus efectos, agora afectan a todo o cauce do río Rato e, ao fin, é un problema que padecemos en todo Lugo” explicou Arroxo.

A Confederación Hidrográfica abriu recentemente un expediente sancionador contra o concello de Lugo polos verquidos de augas residuais que, durante anos, veñen sufrindo as veciñas e veciños da Garaballa. O BNG denunciou en numerosas ocasións esta situación e trasladou á ao Pleno Municipal a demanda da veciñanza que levan anos sufrindo cheiros e mosquitos polas augas residuais que van directamente na parte alta do río Rato. O BNG reclamou en numerosas ocasións unha solución e ante a pasividade do goberno municipal o voceiro, Rubén Arroxo, trasladou este asunto ao SEPRONA e a Confederación Hidrográfica.

Rubén Arroxo lembrou que o BNG levou este tema á comisión de Infraestruturas o 22 de setembro do 2016 e a resposta do concelleiro foi, segundo figura na acta a seguinte: que se está revisando e cando se definan que actuacións se deben acometer procederase a levalas a cabo. “O BNG deu o paso de acudir á Confederación Hidrográfica e o SEPRONA ante a inacción do goberno municipal, por que as veciñas e veciños non poden seguir vivindo a carón dunha cloaca e soportando todas as molestias que trae consigo na súa propia casa” dixo Rubén Arroxo.

A apertura de este expediente sancionador , segundo figura no propio documento, é debida ... a vertido directo ao caudal do arroio San Salvador, sin autorización previa de este organismo de conca, de augas residuais procedentes do aliviadeiro As Termas, causando danos ao dominio público hidráulico, no barrio da Garaballa... O voceiro do BNG anunciou que “seguiremos traballando para que, por fin, se dea unha solución e todas as veciñas e veciños da Garaballa poidan abrir as fiestras durante o verán e respirar sen cheiros nin pragas de insectos”.