BAIXO O TÍTULO VIOLENCIA MACHISTA: ANTES E DESPOIS DA DENUNCIA, O ACTO CELEBRARASE NO CENTRO SOCIAL UXIO NOVONEYRA O MARTES 21 DE NOVEMBRO ÁS 19:30 HORAS

O BNG organiza un acto sobre violencia machista coa xuiza Sandra Piñeiro e a traballadora social María Castro

A charla enmarcase nunha serie de encontros sobre feminismo e violencia machista que o BNG ven programando nos últimos meses

O BNG organiza un acto sobre violencia machista coa xuiza Sandra Piñeiro e a traballadora social María Castro

Lugo, 20 de novembro de 2017. O BNG ten programada para o martes un acto baixo o título VIOLENCIA MACHISTA: antes e despois da denuncia no que intervirán a xuiza Sandra Piñeiro e a traballadora social María Castro. O acto aberto celebrarase o martes 21 de novembro no Centro social Uxio Novoneyra ás 19:30 e estará guiado pola edil do BNG, Maite Ferreiro. A xuiza Sandra Piñeiro desempeña as súas funcións no Xulgado de Instrución nº - 2 de Lugo, a traballadora social María Castro Álvarez exerce na Casa da Muller do Concello de Lugo.

Maite Ferreiro presentou este encontro cun grupo de militantes e explicou que “continuamos co ciclo de encontros para falar de feminismo e violencia machista que manteremos durante o que queda de ano e en vindeiros anos”. Ademais a edil nacionalista lembrou que o BNG propuxo no Parlamento Galego destinar cada ano polo menos o 1% do orzamento da Xunta a combater esta lacra, 90 millóns de euros, o que suporía un incremento exponencial dos recursos xa que a día de hoxe a contía é de cinco millóns de euros.

A edil do BNG subliñou que “con estes encontros tratamos de mitigar a falta conciencia social, e de sensibilizar sobre a falta de medios materiais e humanos, a falta de educación en igualdade para poder avanzar na loita contra a violencia de xénero”. “Hai unha analoxía moi útil para percibir como se valora diferente a violencia de xénero como menos grave e non fai saltar todas as alarmas que saltan cos casos de terrorismo. Pero cando estudamos os datos para analizar que está causando máis dano na sociedade, vemos que desde o ano 2000 no Estado español houbo 678 vítimas de terrorismo pero máis dun millar de mulleres asasinadas pola violencia machista”, argumentou Ferreiro.

Xulgados especializados

Igualmente, o Bloque continúa en Lugo a campaña de recollida de sinaturas para que se cree un xulgado específico en violencia de xénero, revisando os protocolos de avaliación de riscos que precisan máis medios e máis persoal para levalos a cabo, e facer efectivas dotacións tan básicas como establecer lugares separados para vítima e agresor cando ten que declarar, así como gravar as declaracións das mulleres agredidas para que non se vexan obrigadas a ter que repetila unha e outra vez ao longo do proceso desde que se decide a facer a denuncia.