A EDIL DO BNG LEMBROU QUE O GOBERNO MUNICIPAL TEN PENDENTE DE EXECUTAR ACORDOS TOMADOS NO FORO DE IGUALDADE COMO A ELIMINACIÓN DA PUBLICIDADE SEXISTA OU A XUNTANZA DA MESA TÉCNICA DE COORDINACIÓN PARA A ATENCIÓN A VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO

O BNG pedirá o apoio do Foro de Igualdade para lograr un Xulgado Específico de Violencia de Xénero para Lugo

Maite Ferreiro sinalou “o cambio de Goberno no Estado é momento propicio para demandar, aos novos responsables da xustiza, que se cubra esta débeda con Lugo”

O BNG pedirá o apoio do Foro de Igualdade para lograr un Xulgado Específico de Violencia de Xénero para Lugo

Lugo, 6 de xuño de 2018. O BNG levará unha proposta ao Foro de Igualdade do concello de Lugo, que se celebrará o xoves 7 de xuño, lograr que Lugo conte cun Xulgado Específico de Violencia de Xénero. “Queremos acadar un posicionamento unánime deste órgano consultivo municipal para trasladar aos estamentos xudiciais a necesidade de dotar a Lugo con este xulgado específico” explicou Maite Ferreiro e sinalou “o cambio de Goberno no Estado é momento propicio para demandar, aos novos responsables da xustiza, que se cubra esta débeda con Lugo”.

En 2017, segundo os datos publicados recentemente polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) na provincia de Lugo cometéronse 696 delitos de violencia machista, case dous ao día, incrementándose a respecto 671 cometidos no ano 2016. No conxunto do estado contabilizouse a cifra total de 163.132 delitos de violencia machista. Desde o BNG queremos este recurso para atender de maneira acaída as mulleres da provincia pero tamén queremos que a campaña que hoxe lanzamos sirva para concienciar o conxunto da sociedade.

Este xulgado terá que dar atención a mulleres de toda a provincia, para que estes casos teñan un tratamento axeitado. Maite Ferreiro precisou que “esta decisión depende do Consello Xeral do Poder Xudicial”. A edil nacionalista lembrou as disparatadas cifras dos casos de violencia de xénero. A proposta que defendemos suporía comarcalizar este servizo e que o Xulgado acollese todos os casos que se produzan en Lugo, sendo atendidos por profesionais especializados e con formación na materia. Neste momento non existe unha quenda específica de turno de oficio con profesionais para atender este tipo de casos.

Neste momento unicamente as cidades de Vigo e Coruña dispoñen de xulgado específico de violencia de xénero. A posta en marcha deste xulgado en Lugo podería dar cobertura a toda a provincia e compre unha dotación mínima de persoal que inclúe as figuras de xuíz, fiscal, forense, secretario e funcionariado adscrito. Este xulgado podería atender os casos de violencia: maltrato, acoso e custodia de menores, ademais do seguimento de ordes de alexamento antes e despois do xuízo