RUBÉN ARROXO SINALOU QUE OS EDIFICIOS DA XEFATURA TERRITORIAL DE SANIDADE, O COLEXIO DE AS MERCEDES, E OS INSTITUTOS LUCUS AUGUSTI E VIRXE DOS OLLOS GRANDES MANTEÑEN ESCUDOS INCONSTITUCIONAIS

O BNG pedirá no pleno do concello de Lugo a retirada da simboloxía franquista que permanece en edificios públicos

 “É momento de seguir traballando unidos para frear o avance do fascismo e o apoio ao cumprimento da Lei ten que ser unánime para defender a democracia”  dixo Arroxo

O BNG pedirá no pleno do concello de Lugo a retirada da simboloxía franquista que permanece en edificios públicos

Lugo, 3 de novembro de 2017. O voceiro do BNG no concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou a presentación dunha iniciativa no Pleno da Corporación para demandar a retirada da simboloxía franquista dos edificios pública da cidade. Arroxo lembrou que o artigo 15.1 da Lei 52/2007, coñecida como Lei da Memoria Histórica, recolle de forma literal o seguinte texto “As administracións públicas, no exercicio das súas competencias, tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura.”

Arroxo apuntou que “malia que dita lei leva vixente xa 10 anos, aínda quedan símbolos que homenaxean ao réxime Franquista dentro do termo municipal de Lugo, algún deles mesmamente en centros de ensino público”. O voceiro nacionalista sinalou que o concello de Lugo xa fixo avances co cambio de nomes de rúa e a retirada da simboloxía dalgúns edificios como o da Subdelegación de goberno ou o da delegación do Ministerio de Fomento.

Neste momento manteñen escudos inconstitucionais algúns edificios dependentes da Xunta de Galiza como o IES Ollos Grandes ou o IES Lucus Augusti e a Xefatura Territorial de Sanidade na rúa María Balteira e outros propiedade do Concello de Lugo como o CEIP As Mercedes.  “É momento de seguir traballando unidos para frear o avance do fascismo e o apoio ao cumprimento da Lei ten que ser unánime para defender a democracia”  dixo Arroxo.