“ALGUNHAS DAS PINTURAS DATAN DO SÉCULO XV E AS INSTITUCIÓNS DEBEN TRABALLAR CONXUNTAMENTE PARA GARANTIR A SÚA PROTECCIÓN” AFIRMOU RODIL

O BNG pedirá no Parlamento medidas para preservar os frescos das igrexas de Labrada e Os Vilares en Guitiriz

Olalla Rodil, visitou as igrexas que conteñen os frescos acompañada do voceiro do BNG en Guitiriz e de representantes de Asociacións vencelladas á protección do patrimonio

O BNG pedirá no Parlamento medidas para preservar os frescos das igrexas de Labrada e Os Vilares en Guitiriz

Lugo, 17 de xaneiro 2018. A Parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, visitou os frescos das igrexas de Labrada e Os Vilares no concello de Guitiriz e anunciou que trasladará unha iniciativa ao Parlamento Galego para reclamar a protección destes elementos patrimoniais. Olalla Rodil, visitou as igrexas que conteñen os frescos acompañada do voceiro do BNG en Guitiriz e de representantes de Asociacións vencelladas á protección do patrimonio para coñecer, en primeira persoa, a situación das pinturas murais.

A través dunha proposición non de lei o BNG instará a que se desenvolva un estudo técnico que avalíe o estado de conservación dos frescos situados nas igrexas parroquiais dos Vilares e Labrada (Guitiriz) e as medidas a adoptar para frear o seu deterioro e garantir a súa conservación.  Ademais a Parlamentaria do BNG afondou na necesidade de “abrir un espazo de diálogo entre a Xunta o Arcebispado, o Concello de Guitiriz e a Deputación de Lugo para acometer as actuacións de consolidación e restauración que sexan precisas”.

Na igrexa parroquial de Labrada, no Concello de Guitiriz, atópanse un conxunto de pinturas mural ao fresco enormemente deteriorados. En total son cinco pezas que recollen na parte esquerda da entrada, tres escenas dos evanxeos: a lamentación de Cristo Morto, a imposición da calulla a Santo Ildefonso e o Santiago Matamouros; xunto con outras dúas, localizadas na parte dereita da igrexa, que representan ornamentos xeométricos e un fragmento dunha escena de paisaxe.

Tamén na igrexa de Os Vilares, no mesmo concello, foron atopados murais, desta volta de autoría descoñecida mais de data próxima aos de Labrada. Segundo o estudo realizado por Monterroso Montero datarían do século XVI, entre 1530 e 1540, e atribúenselle ao Mestre de Parga. Segundo sinalou Rodil e, debido á falta de atención e mantemento, “ás humidades e o paso do tempo, os frescos dos Vilares e Labrada atópanse moi deteriorados e en grave risco de desaparición”. Así o sinalaron dous técnicos de restauración aos que se lles pediu unha valoración profesional ao respecto e que coincidiron en sinalar que era precisa unha restauración integral de urxencia e non só a consolidación das pezas.