NESTE MOMENTO A XENTE ESTASE ASESORANDO COAS PROPIAS EMPRESAS QUE TEÑEN INTERESES NA COMERCIALIZACIÓN E NON ATOPAN INFORMACIÓN OBXECTIVA

O BNG proporá no Pleno a creación dunha Oficina Municipal de Asesoramento Enerxético

“Son moitas as persoas que teñen dúbidas sobre as facturas eléctricas a instalación de enerxía solar ou sobre o bono social” dixo Rubén Arroxo

O BNG proporá no Pleno a creación dunha Oficina Municipal de Asesoramento Enerxético

Lugo, 16 de outubro 2018. O BNG presentará no Pleno da Corporación do Concello de Lugo unha iniciativa para impulsar a creación dunha Oficina Municipal de Asesoramento Enerxético. “Trátase dunha ferramenta que permitiría á veciñanza de Lugo consultar todo o referentes a posibles erros na factura eléctrica, á mellora do aforro da súa factura da luz, sobre o bono social ou sobre as posibilidades de instalación de métodos alternativos para a produción de enerxía eléctrica ou para uso térmico” explicou Rubén Arroxo.

Dende o BNG lembraron que “existe unha importante problemática e preocupación entre a poboación a respecto das posibles estafas eléctricas no recibo da luz” por iso “ante a falta de información e asesoramento de propoñemos a creación desta oficina para que a xente poida reclamar e/ou denunciar as irregularidades que elevan o custo da factura eléctrica”. Rubén Arroxo referiuse á necesidade que teñen moitas veciñas e vecños de tentar reducir o seu consumo enerxético co uso de métodos alternativos, como por exemplo co uso de paneis solares para a calefacción, ou para a auga quente sanitaria.

“Estamos recibindo moitas consultas sobre os requistos legais e sobre a normativa que regula a instalación de paneis fotovoltaicos e iso quere decir que existe preocupación e interese por este tema” sinalou Rubén Arroxo e engadiu “por cremos que sería perfectamente viable que o Concello de Lugo tivese unha oficina con persoal especializado nesta materia, co fin de axudar á veciñanza do noso municipio a poder reducir estes custes, e tamén a poder apostar por medios renovables”

Segundo a proposta do BNG, a Oficina Municipal de Asesoramento Enerxético tería capacidade tamén para informar sobre subvencións para a instalación de outros métodos enerxéticos, como poidan ser as caldeiras de biomasa, e para explicar o aforro que poden acompañar. “Entendemos que un servizo destas características sería unha interesante medida, xa que require dun persoal mínimo e os beneficios económicos para a veciñanza de Lugo sería altamente considerables” afirmou Arroxo.

 

ACORDO

  •