“ENTENDEMOS QUE O LÓXICO SERÍA QUE COMPARECESE A ALCALDESA, MAIS O REGULAMENTO DE PLENO SÓ CONTEMPLA A POSIBILIDADE DE QUE SEXA UN CONCELLEIRO OU CONCELLEIRA” DIXO RUBÉN ARROXO

O BNG pide a comparecencia en pleno do concelleiro de desenvolvemento sostible pola constante perda de axudas económicas

IMG_5467
IMG_5467

Lugo, 7 de agosto de 2017. O BNG vén de rexistrar unha solicitude de comparecencia en pleno para o concelleiro de desenvolvemento sostible para que dea explicación da constante perda de axudas doutras institucións que está a ter o Concello de Lugo por unha mala xestión política. O portavoz nacionalista, Rubén Arroxo, explicaba que a intención do grupo sería que declarase a alcaldesa, por ser cuestións que afectan de forma transversal a case todas as áreas, pero a actual normativa só permite solicitar a de algún concelleiro ou concelleira “entendemos que o lóxico sería que comparecese a alcaldesa, mais o regulamento de pleno só contempla a posibilidade de que sexa un concelleiro”. Para o BNG a pinga que colmou o vaso foi a publicación neste pasado venres na páxina web da Xunta de Galiza, na que se pode observar que Lugo é a única cidade galega que non solicitou as axudas para a rehabilitación nas zonas declaradas como ARI. Lugo a día de hoxe conta con 2 zonas nesa situación (o casco histórico e o barrio do Sagrado Corazón), a día de hoxe quedan moitas vivendas por rehabilitar no espazo ARI de Lugo polo que é realmente un paso atrás que non se dispoña desta posibilidade.

 

Rubén Arroxo lamenta esta mala xestión “o goberno insiste de forma reiterada en que non hai partidas económicas para executar diferentes proxectos, pero cando estas partidas chegan non se solicitan”. O propio concelleiro nacionalista dixo que o goberno municipal “nin ten ningún plan para a rehabilitación dos barrios de Lugo, nin ten ningún interese”, lembrando que no pasado mes de maio o seu grupo levou unha vez máis a unha comisión o tema de declarar o barrio da Milagrosa como ARRU para poder optar a partidas para a rehabilitación dos edificios e recuperar os espazos urbanos, algo que para o BNG é prioritario para poder recuperar o que é o barrio máis poboado da cidade e que na actualidade ten un importante número de edificios en situación de ruína ou pechados “para un barrio como a Milagrosa a única solución de recuperarse é o ARRU, polo que queremos saber cales son as razóns para que o goberno municipal non faga nada para acadalo” dixo Rubén Arroxo, lembrando que naquel momento o propio goberno municipal recoñecía que non se fixeran os trámites adecuados para solicitar dito ARRU.

 

Dende o BNG lembran que a perda destes fondos se suman á situación que o propio grupo municipal denuncio a pasada semana, coa que o concello tampouco pediu as axudas da biomasa do INEGA para o 2017 e que están en serio risco as de 2016 pola lentitude en executalas, tendo en conta que o 15 de outubro rematan os prazos para xustificalas “Lugo non pode seguir perdendo fondos, precisamos unha mudanza seria na xestión do noso concello”.

O BNG pide a comparecencia en pleno do concelleiro de desenvolvemento sostible pola constante perda de axudas económicas