“É MOI GRAVE QUE O GOBERNO MUNICIPAL AUTORICE O MALTRATO ANIMAL CANDO FOI REXEITADO POR UN ACORDO PLENARIO” AFIRMOU RUBÉN ARROXO

O BNG pide explicacións ao goberno municipal por dar licenza a un circo con animais

O BNG pide explicacións ao goberno municipal por dar licenza a un circo con animais

Lugo, 19 de setembro de 2016. O voceiro do BNG, Rubén Arroxo mostrouse indignado ao ver como o goberno municipal se saltaba o acordo plenario tomado no pasado 3 de marzo do ano 2014, ao autorizar que no barrio de Augas Ferreas se instale un circo con animais  “É moi grave, ademais dunha grande falta de respecto á veciñanza de Lugo que o goberno municipal autorice algo que foi rexeitado por un acordo plenario” dicía Arroxo mentres advertía da sorpresa da xente da zona cando nun predio de dito barrio se podía observar entre outras especies a un elefante.

O BNG vén de informar de forma urxente que vai presentar unha pregunta escrita ao goberno municipal para que lle dean unha resposta inmediata de como se puido autorizar este evento. O portavoz nacionalista afirmou que con isto os plenos pasan a ser “actividades de tempo libre” posto que todo o que se acorda para construír a cidade do século XXI, ou non se fan, ou se fan á contraria.

O concelleiro nacionalista informou de que existe un estudo feito pola Asociación Animalista Libera, que reflicte a necesidade de impedir o uso de animais silvestres neste tipo de espectáculos e advirte de que nos circos a fauna chega a pasar 22 horas engaiolada en espazos insuficientes. Para o BNG está claro que a vida no circo leva consigo privación de liberdade de animais no seu medio natural, onde percorrerían miles de kilómetros. Arroxo explicou que “pasan a maior parte do tempo pechados en gaiolas e incluso encadeados. “Existen todo tipo de espectáculos sen ter que recorrer ao maltrato animal” concluíu Arroxo.