A SENTENZA DO TSXG DI QUE A PRAZA ADXUDICADA NA ESCOLA DE RESTAURACIÓN FOI CREADA ‘AD HOMINE’ PARA UNHA CUÑADA DE SUSANA LÓPEZ ABELLA

O BNG pide no Parlamento "dimisións" pola praza creada para a cuñada da Secretaria Xeral de Igualdade

Olalla Rodil explicou que “a sentencia ditada polo TSXG, arredor da denuncia da CIG, non deixa lugar a dúbida sobre a tremenda cacicada”

O BNG pide no Parlamento "dimisións" pola praza creada para a cuñada da Secretaria Xeral de Igualdade

Lugo, 26 de outubro de 2018. A parlamentaria do BNG por Lugo, Olalla Rodil, anunciou a petición de comparecencia, no Parlamento Galego, da Secretaria Xeral de Igualdade e do Secretario Xeral de Educación para que expliquen que medidas vai tomar o Goberno Galego despois da sentenza do TSXG sobre a adxudicación dunha praza de maneira ilegal a unha familiar da Secretaria Xeral de Igualdade. Olalla Rodil informou que a sentenza do TSXG di que a praza adxudicada na Escola de Restauración foi creada ‘ad homine’ para unha cuñada de Susana López Abella.

Para o BNG os feitos probados pola sentenza son “gravísimos e describen un claro caso de nepotismo ou enchufismo, en definitiva, unha cacicada”. “Desde que se fixo público este caso no ano 2016 tanto o persoal da Escola de Restauración como a central sindical que interpuxo o recurso denuncian que a persoa adxudicataria posúe vínculos familiares coa Secretaria Xeral de Igualdade e que non era esta a primeira ocasión en que tentaron colocala no centro de ensino o que evidenciaría unha vontade clara de beneficiala valéndose da administración pública e do poder que o executivo posúe” explicou Rodil.

O 25 de outubro de 2018 o TSXG ditou sentenza arredor da denuncia presentada pola CIG-Ensino co gallo do concurso xeral de traslados que tivo lugar en 2016. A Xunta de Galiza, a través da Consellaría de Educación, adxudicou unha praza a unha docente –anterior directora do MUPEGA-- para que impartise docencia na Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra. Previamente, en 2014, xa intentara incorporar de maneira irregular a mesma persoa a unha listaxe de interinos cando era funcionaria de carreira en Asturies. A administración fracasou, naquela altura, debido ás queixas presentadas por persoas prexudicadas con este proceso mais nomeouna directora do Museo Pedagóxico de Galiza, cargo de libre designación (ORDE do 13 de abril de 2015, DOG nº77).

De acordo coa sentenza do TSXG a praza adxudicada na Escola de Restauración foi creada ‘ad homine’ no que considera unha “torcida actuación” da administración ao crear especificamente unha praza dunha especialidade que non se imparte neste centro de ensino nin en Galiza (conservación e restauración de documento gráfico) e que tampuco foi reclamada pola Escola. O único obxectivo, pois, ao que respondeu a decisión foi o de colocar a beneficiaria. Xa en 2016 a Valedora do pobo, diante da queixa presentada pola CIG-Ensino, sinalou na súa resolución que “existen indicios suficientes para cuestionar a legalidade dos feitos, o que convertiría o acto administrativo que constitúe a adxudicación desta praza nun acto arbitrario”.