A EDIL DO BNG-AA REFERIUSE AO AUDIO DO SEMÁFORO DE MARTIRES DE CARRAL QUE “AÍNDA NOMEA AO COMANDANTE MANSO E DE ESCUDOS FRANQUISTAS EN EDIFICIOS OFICIAIS”

O BNG pide a retirada da simboloxía franquista que aínda permanece en edificios oficiais lucenses

“Grazas ao BNG borráronse nomes de rúas vencellados á ditadura pero aínda quedan sinais que lembran ese período de represión” dixo Maite Ferreiro

O BNG pide a retirada da simboloxía franquista que aínda permanece en edificios oficiais lucenses

Lugo, 31 de agosto 2017. A edil do BNG-AA, Maite Ferreiro, afirmou hoxe que a formación que representa seguirá traballando para que se retiren das rúas e dos edificios da cidade os símbolos que aínda quedan da ditadura e que incumpren a lei de memoria histórica a pesares de estar, case todos, situados en edificios oficiais. Maite Ferreiro referiuse ao audio do semáforo de Mártires de Carral que “aínda nomea ao Comandante Manso e de escudos franquistas en edificios oficiais”.

“Algúns símbolos da ditadura xa quedaron en almacéns municipais e outros deben ser retirados para cumprir coa lei de memoria histórica” informou Ferreiro e lembrou que “grazas ao BNG avanzouse na limpeza da simboloxía franquista pero aínda quedan cousas”. A eliminación dos escudos que aínda quedan no exterior de varios edificios oficiais como o colexo de As Mercedes, o IES Nosa Sra. dos Ollos Grandes, o edificio de Sanidade na rúa María Balteira son algúns dos exemplos que puxo Maite Ferreiro.

Estes tres edificios son de titularidade pública e, a pesares de que hai varias iniciativas plenarias aprobadas neste senso, non se fixo nada para eliminar os escudos fascistas que aínda permanecen nas súas fachadas. No caso dos edificios de Sanidade e o IES Nosa Sra. dos Ollos Grandes a responsabilidade é da Xunta de Galiza e no caso do Colexo de As Mercedes o edificio é de titularidade municipal. Ademais está tamén o caso da vidrieira que se atopa no interior do IES Lucus Augusti.

Ferreiro sinalou que grazas ás iniciativas do BNG co apoio de outras forzas políticas, e a pesar do voto en contra do partido popular, o concello de Lugo mudou nomes de rúas que honraban a persoas vencelladas á ditadura. Ferreiro lembrou que na última etapa cambiaron de nome as rúas Cedrón del Valle, agora Isaac Díaz Pardo, a do Tenente Coronel Teijeiro por Lois Peña Novo e a glorieta Comandante Manso como Mártires de Carral. Por outro lado, Irmáns Pedrosa quedou denominada como Xaquin Lorenzo, a rúa General Tella mudou por Avelino Pousa Antelo, e Ruíz de Alda leva o nome de Luis Cordeiro. Outro dos cambios foi que a Avenida Carlos Azcárraga pasou a chamarse Avenida de Adolfo Suárez.

O BNG ten posta en marcha unha campaña para denunciar os incumprimentos da Lei de Memoría Histórica e que dificulta actuacións como recuperación de certos edifiicios. O BNG apoiou nesta mesma semana a ocupación simbólica do Pazo de Meirás en Sada que continúa a ser propiedade da familia do ditador e que a súa xestión caeu en mans da Fundación Francisco Franco.

Placas da falanxe en comunidades de veciñais

A edil nacionalista lembrou que en Lugo, e outras cidades, aínda quedan moitos edificios que teñen pequenas placas nas súas fachadas que teñen os símbolos da falanxe e pediu que o concello estableza un procedemento de retirada das placas con simboloxía franquista para aquelas comunidades de veciños sen que lles supoña ningún tipo de custo. “É un xeito de avanzar na imaxe democrática do noso concello e de facer xustiza con todas as persoas que foron represaliadas” afirmou Maite Ferreiro. O concello deberá artellar un mecanismo para que o concello asuma os gastos de retirada das placas nas comunidades de propietarios que o desexen eliminar estes símbolos.