O BNG pide un Xacobus para Lugo que remate coa incomunicación da cidade e a provincia

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Olalla Rodil denunciou de forma irónica a creación dun servizo para Camiño de Santiago e non para a veciñanza da provincia de Lugo

O BNG pide un Xacobus para Lugo que remate coa incomunicación da cidade e a provincia

Lugo, 16 de decembro de 2019.  As nacionalistas denuncian de forma irónica o servizo anunciado pola Xunta de Galiza para o Xacobeo 21. Trátase dunha liña na que estaría formada polo itinerario do camiño francés (dende O Cebreiro ate Compostela) na que o fin da mesma é satisfacer o servizo aos usuarios do Camiño de Santiago sen contar coa veciñanza dos concellos na que transcorrería a liña.

Lembran ao Goberno galego que Lugo é das provincias peor comunicadas co resto do país, onde por exemplo, a cidade de Lugo é, sen dúbida, a peor cidade comunicada de toda Galiza. Esta situación estendese e mesmo empeora ao longo de toda a provincia e iso está a lastrar o desenvolvemento social e económico non só de Lugo senón do conxunto do país.

Un dos exemplos máis claros desta situación e que só existe unha liña de autobús entre Lugo e Vigo (venres e domingo) ou que viaxar en tren é unha auténtica odisea onde a conexión directa con Compostela non existe.

A parlamentaria por Lugo, Olalla Rodil, sinalou “resultaría cómico se non fose enormemente preocupante que se anuncie un servizo de autobús para mover os peregrinos desde Compostela a calquera punto do Camiño Francés cando ir en autobús ou coller o tren dentro da provincia ou desde a cidade a calquera outra capital do país resulta toda unha aventura”.

De forma irónica, Rodil denunciou “iso si que merecería recibir a compostelana. Nin é eficiente nin sustentábel que a poboación das comarcas de Lugo teña que depender do coche particular para desprazarse. Lugo precisa infraestruturas e un servizo de transporte público que vertebre o territorio e atenda as necesidades das veciñas e veciños”.

Ponse de reflexo que a única preocupación do Partido Popular na Xunta de Galiza é o Xacobeo 21, o que demostra que o goberno popular carece de proxecto de futuro para este país. Pero a realidade que padece toda a veciñanza das comarcas de Lugo que vive aquí todo o ano é dunha falta de vertebración e a consecuencia dun servizo de transporte público cada vez peor.