ARROXO LEMBROU QUE “CON ESTA INICIATIVA BUSCAMOS ASEGURARNOS DA PARALIZACIÓN DA SUBASTA DOS INMOBLES E GARANTIR QUE CONTINÚEN SENDO PATRIMONIO PÚBLICO”

O BNG presentará unha moción de urxencia para que o Pleno do Concello avale o traspaso dos locais da Tinería

“O Delegado da Xunta dixo que sería necesario un acordo plenario que avalase ao goberno municipal para o traspaso dos locais e iso é o que o BNG propiciará” dixo Arroxo

O BNG presentará unha moción de urxencia para que o Pleno do Concello avale o traspaso dos locais da Tinería

Lugo, 27 de novembro de 2017. O voceiro do BNG-AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que o BNG “vai tomar a iniciativa e levar ao pleno unha moción de urxencia para que o Pleno se posicione a favor de que os locais da Tinería pasen a ser de propiedade municipal, mantendo así a súa titularidade pública”. Arroxo dixo que “esta é a condición que pon o Delegado da Xunta para paralizar o subasta dos locais e o BNG vai a propiciar este acordo e evitar que o asunto da Tinería se convirta nunha partida de pion-pon entre o PP e o PSOE”. O BNG-AA aposta por buscar fórmulas para que os locais sexan cedidos ao concello de xeito gratuito pero Arroxo sinalou que “incluiremos un punto de acordo para que no caso de que existan reparos legais para a cesión, o pleno avale ao goberno para facer o traspaso dos locais igualmente”.

No texto da moción de urxencia o BNG propón explicitamente que o pleno municipal de Lugo solicíte formalmente á Xunta de Galiza o traspaso a propiedade municipal dos inmobles destinados a locais comerciais na Tinería que son actualmente propiedade do IGVS. Ademais pedirase que dende o Concello de Lugo se estude, e solicitará traballar en conxunto coa Xunta de Galiza, de cara a buscar se existe algunha fórmula xurídica que permita o traspaso de ditos inmobles sen custe para as contas municipais. 

A día 27-11-2017 o delegado da Xunta de Galiza en Lugo declarou publicamente, que estaría disposto a paralizar de forma inmediata a poxa pública dos once inmobles asignados como locais comerciais propiedade do IGVS, que se atopan na Tinería, baixo a condición da existencia dun acordo plenario no Concello de Lugo que avalase a intención de facerse coa titularidade de ditos locais. “O Delegado da Xunta dixo que sería necesario un acordo plenario que avalase ao goberno municipal para o traspaso dos locais e iso é o que o BNG propiciará” dixo Arroxo

Arroxo sinalou a prioridade de “defender que se poida manter a propiedade pública deses locais de cara a que poidan servir como unha ferramenta máis de cara a dinamizar dita zona da cidade, podendo así deseñar proxectos de barrio que dificilmente sería posibles no caso da súa venda” e pediu que “o pleno municipal se posicione nesa liña, tendo en conta ademais que unha vez publicada a poxa no DOG será máis complexo reverter a situación”. Para o BNG-AA “é evidente que o diñeiro recaudado, no caso da compra dos locais, tería que ser investido no propio barrio” pero “a Tinería precisa dun investimento superior ao que se poida recibir a través desa venda, polo que é preciso que non quede xustificada esa cuantía como o único investimento no barrio”.