A EDIL MAITE FERREIRO APUNTOU QUE “TIVEMOS A POSIBILIDADE DE FALAR CON CASE TODAS AS PERSOAS QUE APOIARON A INICIATIVA COA SÚA SINATURA E ISTO FOI MOI IMPORTANTE NA CAMPAÑA”

O BNG presentou preto de 1.500 sinaturas para demandar un Xulgado Específico de Violencia de Xénero para Lugo

Olalla Rodil e Maite Ferreiro presentaron copia das sinaturas na Xunta de Galiza e no concello de Lugo para “deixar constancia de que se trata dunha demanda social real”

O BNG presentou preto de 1.500 sinaturas para demandar un Xulgado Específico de Violencia de Xénero para Lugo

Lugo, 18 de decembro de 2017. O BNG presentou copia das preto de 1.500 sinaturas recollidas para demandar un Xulgado Específico de Violencia de Xénero para Lugo. A parlamentaria Olalla Rodil e a edil Maite Ferreiro presentaron as sinaturas recollidas e sinalaron que “ademais do considerable número de sinaturas o máis importante da campaña foi a concienciación social que se fixo durante estes meses e o apoio que recibimos de diversos estamentos, pero sobre todo da sociedade lucense”. “Tivemos a posibilidade de falar con case todas as persoas que apoiaron a iniciativa coa súa sinatura e isto foi moi importante na campaña e para avanzar como sociedade” dixo Maite Ferreiro.

En 2016, segundo os datos publicados recentemente polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) na provincia de Lugo 671 mulleres denunciaron casos de violencia machista, case dúas ao día. No conxunto do país presentáronse 5.683 demandas. O número máis elevado desde 2010 e case 500 denuncias máis que en 2015. Desde o BNG queremos este recurso para atender de maneira acaída as mulleres da provincia pero tamén queremos que a campaña que hoxe lanzamos sirva para concienciar o conxunto da sociedade.

As nacionalistas explicaron que o BNG leva presentando emendas aos orzamentos da Xunta dende o ano 2015, e o concello de Lugo aprobou unha proposición por unanimidade, nestes mesmo senso, na sesión do mes de febreiro de 2016. A proposta que defendemos suporía comarcalizar este servizo e que o Xulgado acollese todos os casos que se produzan en Lugo, sendo atendidos por profesionais especializados e con formación na materia. Neste momento non existe unha quenda específica de turno de oficio con profesionais para atender este tipo de casos.

Este xulgado terá que dar atención a mulleres de toda a provincia, para que estes casos teñan un tratamento axeitado. Olalla Rodil precisou que “aínda que esta decisión depende do Consello Xeral do Poder Xudicial, ten que ser a Xunta de Galiza quen faga as xestións necesarias para que esto sexa posible e é fundamental o apoio das administracións locais”. Neste momento unicamente as cidades de Vigo e Coruña dispoñen de xulgado específico de violencia de xénero. A posta en marcha deste xulgado en Lugo podería dar cobertura a toda a provincia e compre unha dotación mínima de persoal que inclúe as figuras de xuíz, fiscal, forense, secretario e funcionariado adscrito. Neste momento é o xulgado de instrución nº3 é o que se encarga en Lugo deste tipo de casos.