OLALLA RODIL SINALOU “ESTAMOS A VIVIR UN MOMENTO HISTÓRICO NO QUE SE ESTÁN A REMOVER OS CIMENTOS DO RÉXIME DO 78 NO ESTADO ESPAÑOL E GALIZA TEN QUE SITUARSE COA SÚA IDENTIDADE”

O BNG presentou en Vilalba o documento Bases Democráticas para unha Nova Galiza

No acto participaron a parlamentaria Olalla Rodil e o voceiro do BNG no concello de Vilalba Félix Jorquera

O BNG presentou en Vilalba o documento Bases Democráticas para unha Nova Galiza

Vilalba, 3 de novembro de 2017. O BNG presentou en Vilalba o documento Bases Democráticas para unha Nova Galiza. No acto, celebrado no Hostal Terra Chá, participaron a parlamentaria do BNG por Lugo Olalla Rodil e o voceiro no concello de Vilalba Félix Jorquera. Olalla Rodil sinalou, na súa intervención, que “estamos a vivir un momento histórico no que se están a remover os cimentos do réxime do 78 no estado español e nese contexto o BNG lanza as Bases Democráticas para unha nova Galiza, para reforzar a ligazón entre dous conceitos, nacionalismo e democracia, sinónimos, ao parecer da organización frontista, neste momento no Estado”.

"A estrutura do Estado vai mudar e o réxime de 1978 está tocado", afirmou Olalla Rodil durante a súa intervención no acto de Vilalba. "Temos que ter propostas e iniciativas para garantir que neste novo cenario Galiza non fai ficar atrás, propostas para abrirmos unha porta á esperanza", acrecentou. "Ou tomamos nós o impulso deste debate ou ninguén máis o vai facer", argumentou a parlamentaria do Bloque. Non é posíbel continuar como estamos, após catro décadas de autonomía: "Coa Constitución española e co Estado de Autonomía, Galiza non avanzou en termos relativos se nos comparamos cos países da nosa contorna", sentenciou Rodil.

Pola súa banda Félix Jorquera enumerou os problemas básicos do país, agravados, a xuízo do concelleiro nacionalista, durante estes 40 anos. Así, Jorquera quitou a pasear os espectros da crise demográfica, o avellantamento, a destrución do territorio, o despoboamento, a emigración da mocidade, a "asfixia programada da nosa lingua e da nosa cultura" ou a precariedade laboral. "Cada vez somos menos e máis vellos", recapitulou.