ARROXO SINALOU QUE “É UNHA DÉBEDA COS VECIÑOS DA ZONA QUE LEVAN ANOS PAGANDO IMPOSTOS E TOTALMENTE ESQUECIDOS”

O BNG propón 500.000 € para continuar o Paseo do Rato ata a Campiña e solicitará o acondicionamento das rúas da Urbanización de Castro Gil

Cunha emenda aos orzamentos da Deputación, o BNG solicita un investimento de 500.000 € nos anos 2019 e 2020 para levar ata a Campiña o Paseo do Rato

O BNG propón 500.000 € para continuar o Paseo do Rato ata a Campiña e solicitará o acondicionamento das rúas da Urbanización de Castro Gil

Lugo, 24 de novembro de 2018. Os voceiros do BNG no concello e na Deputación, Rubén Arroxo e Xosé Ferreiro informaron da presentación dunha emenda aos orzamentos da Deputación para que se acometa un investimento de 500.000 € en dar continuidade ao Paseo do Rato, a carón do río Fervedoira, ata a zona da Campiña. Rubén Arroxo explicou que “sería o xeito de conectar a cidade con esta zona que, a pesares da súa proximidade, non ten unha conexión peonil co centro da cidade”. Segundo explicou o voceiro do BNG “a proposta é que a Deputación faga un plan plurianual cun investimento total de 500.000 € dividindo a inversión en partidas iguais entre os anos 2019 e 2020”.

Pola súa banda o voceiro do BNG na Deputación, Xosé Ferreiro, dixo que “presentaremos unha serie de emendas aos orzamentos presentados polo goberno e avaliaremos cal será a posición do noso grupo á hora da aprobación en función da consideración que se teña das nosas propostas”. Ao mesmo tempo, Ferreiro lembrou que “a proposta que facemos para dar continuidade ao Paseo do Rato xa foi aprobada, por unanimidade, no Pleno da Deputación e entendemos que non debe haber problema para que o equipo de goberno inclúa esta partida nos orzamentos do ano 2019”.

O voceiro do BNG apuntou a necesidade de rematar a senda que vai a carón do río Fervedoira e que serviría para achegar esta urbanización á cidade cunha vía peonil e mellorar o entorno e calidade de vida de veciñas e veciños. Esta senda estaría enlazada co paseo do Rato e xa estaba previsto nun proxecto da Deputación a execución desta obra que quedou paralizada fai moitos anos. “Entendemos que é o momento de retomar este tipo de proxectos que, ademais de mellorar o entorno da Fervedoira, contribúen a incrementar a lonxitude do cinturón verde da cidade” afirmou Arroxo.

Acondicionamento das rúas da Urbanización Castro Gil

O voceiro do BNG no Consello, Rubén Arroxo, tamén anunciou que se solicitará a inmediata posta en marcha dos traballos para acondicionar as rúas da urbanización Castro Gil. Arroxo sinalou que “é unha débeda cos veciños da zona que levan anos pagando impostos e totalmente esquecidos”. Arroxo dixo que “o equipo de goberno ten posibilidade e recursos para acometer esta obra dentro deste exercicio orzamentario e imos traballar para que se faga canto antes”.