RECENTEMENTE MODIFICOUSE O TRAZADO DO CAMIÑO PRIMITIVO NA ZONA DO CARME E AGORA A XUNTA ANUNCIA CARTOS PARA UN PLAN DE SINALIZACIÓN QUE NON EXISTE

O BNG propón acondicionar e adecentar o tramo de entrada do Camiño Primitivo na cidade

Rubén Arroxo explicou que “non hai coordinación entre as accións do Concello e da Xunta e non se actúa onde é máis prioritario”

O BNG propón acondicionar e adecentar o tramo de entrada do Camiño Primitivo na cidade

Lugo, 30 de xuño 2017. O voceiro do BNG no concello de Lugo, Rubén Arroxo, propuxo que Concello de Lugo e Xunta coordinen as accións que se acometen no Camiño Primitivo ao seu paso polo concello de Lugo. Arroxo lembrou como, recentemente, se modificou o trazado do Camiño na zona do Carme e se investiron cartos en amañar e sinalizar un camiño que “non se corresponde co trazado do Camiño Primitivo” e agora se anuncian novos fondos da Xunta “para un plan de sinalización que debe exectuar o concello pero que non existe”.

Mentres se produce esta descoordinación nas actuacións entre as dúas administracións “non se está actuando na entrada do Camiño do Primitivo na cidade” afirmou Arroxo e sinalou que a zona situada entre A Chanca, Fontiñas e o Carril das Flores non está a recibir o tratamento debido para mellorar a imaxe. O BNG propón que o Concello acometa o adencentamento da entrada do Camiño na cidade realizando a limpeza, desbroces e sinalización necesarios. “Trátase da primeira imaxe da cidade para as persoas que fan o camiño e deberiamos ser coidadosos para que a primeira impresión sexa gratificante” dixo Arroxo que tamén se referiu á abundancia de pintadas e grafitis na zona.

Arroxo lembrou que se fixeron accións descoordinadas como a nova sinalización na zona do Carme que supuxo unha modificación do trazado do camiño e cualificou de “inexplicable” o feito de que se faga esta sinalización por uns camiños que nada teñen que ver co trazado histórico, nin oficial do Camiño Primitivo. Ningún experto considera como un trazado do Camiño os carreiros que se sinalizaron e que “sen dúbida” van levar á confusión a moitas persoas que pasarán pola nosa cidade neste verán.

Arroxo advertiu que o Camiño Primitivo foi distinguido como Patrimonio da Humanidade e este tipo de actuacións poderían motivar a intervención da UNESCO “por que realmente estase desvirtuando e desviando o trazado do Camiño Primitivo ao paso pola cidade de Lugo”. Arroxo resaltou a necesidade de “vixiar, protexer e manter entre todas as institucións” o Camiño Primitivo. O voceiro do BNG no concello de Lugo pediu que “cando se asignan fondos para estes fins se utilicen con criterio e priorizando as actuacións máis necesarias”.