“ESTA MEDIDA MELLORARÍA CONSIDERABLEMENTE A IMAXE DA CIDADE, PRINCIPALMENTE NO ENTORNO DA MURALLA E NO CASCO HISTÓRICO” DIXO ARROXO

O BNG propón que se actúe, canto antes, para cubrir os baleiros de edificios no Casco Histórico

Rubén Arroxo que “é unha proposta recorrente pero o goberno municipal non fixo nada para mellorar a estética da cidade en puntos clave do casco histórico”

O BNG propón que se actúe, canto antes, para cubrir os baleiros de edificios no Casco Histórico

Lugo, 8 de febreiro de 2018. Rubén Arroxo insistiu na necesidade de que o goberno municipal tome a iniciativa para adecentar e cubrir os ocos baleiros por edificios en ruina que foron derrubados na cidade e especialmente no Casco Histórico. Rubén Arroxo explicou que “noutras cidades téñense habilitado mecanismos para que os predios baleiros ou os que albergan edificios en ruínas sexan cubertos con lonas decorativas que melloran substancialmente o aspecto do entorno”. Arroxo sinalou que xa se aprobaron diversas inciativas en pleno, en febreiro do 2016, e en comisión, en outubro de 2016, para levar a cabo esta proposta “mais como é habitual con este goberno municipal a parálise superou a iniciativa e non se fixo nada”.

As lonas instaladas para cubrir as fachadas poderán ter infografías de caracter cultural, de promoción turística ou ben imaxes sobre cal vai ser o aspecto do edificio unha vez rematado. Rubén Arroxo dixo que “esta medida melloraría considerablemente a imaxe da cidade, principalmente no entorno da muralla e no casco histórico” e sinalou que son moitas as persoas que visitan Lugo “que quedan encantadas coa cidade pero sorprendidas polo grande número de solares abandoados e edificios ruinosos ou sen rematar”.

Entre as propostas figuran iniciativas que se están a levar a cabo con éxito en concellos gobernados polo BNG, así Arroxo propuxo “executar un plan de colaboración coas comunidades de edificios para que aqueles que teñen medianas de grandes dimensións con acabados enfoscados poidan apostar pola realización de murais artísticos”. Este tipo de iniciativas mellora considerablemente a estética e atenúa o feismo urbanístico.