FAI ANOS XA SE FIXERAN EXPROPIACIÓNS DE TERREOS NA ZONA PARA DARLLE CONTINUIDADE AO PASEO DO RATO PERO O PROXECTO QUEDOU PARALIZADO E AGORA O BNG PRETENDE RETOMALO

O BNG propón que se continúe o Paseo do Rato ata a Campiña

IMG_1995

Os voceiros do BNG no concello e na Deputación mantiveron unha xuntanza con veciñas e veciños da Fervedoira que demandan o arranxo do entorno do río Fervedoira

O BNG propón que se continúe o Paseo do Rato ata a Campiña

Lugo, 7 de novembro de 2017. Os voceiros do BNG no concello e na Deputación, Rubén Arroxo e Xosé Ferreiro, mantiveron unha xuntanza con veciñas e veciños da Fervedoira que demandan o arranxo do entorno do río Fervedoira e propuxeron dar continuidade ao Paseo do Rato ata a zona da Campiña. Xosé Ferreiro anunciou que “traballaremos na Deputación para que se clarifique cal é a situación dos terreos que foron expropiados e cales van ser os trámites a seguir para retomar o proxecto de continuar o Paseo do Rato ata a Campiña”.

O voceiro do BNG-AA apuntou a necesidade de rematar a senda que vai a carón do río Fervedoira e que serviría para achegar esta urbanización á cidade cunha vía peonil e mellorar o entorno e calidade de vida de veciñas e veciños. Esta senda estaría enlazada co paseo do Rato e xa estaba previsto nun proxecto da Deputación a execución desta obra que quedou paralizada fai moitos anos. “Entendemos que é o momento de retomar este tipo de proxectos que, ademais de mellorar o entorno da Fervedoira, contribúen a incrementar a lonxitude do cinturón verde da cidade” afirmou Xosé Ferreiro.

Para o BNG-AA trátase dunha ”intervención de baixo custo” xa que o trazado está practicamente definido e non ten unha grande lonxitude e poderíase acometer o arranxo do firme sen problema. Ferreiro pedirá, na Deputación, que se acometa “o antes posible” a limpeza e roza dos tramos do camiño que xa son propiedade da Deputación.

Pola súa banda o voceiro do BNG no concello de Lugo, Rubén Arroxo, lembrou que “a zona está abandonada dende os anos 90 e non se fixo ningunha actuación a pesar de cobrar os impostos correspondentes” e engadiu “entendemos que teñen dereito a que se atendan as súas demandas por que se lles está a cobrar o IBI polas súas vivendas e, ademais, o concello deulles todas as dotacións públicas como alumeado, abastecemento de auga e saneamento, ademais do servizo de recollida de lixo”.

O BNG propón que se continúe o Paseo do Rato ata a Campiña