PARA O BNG “HAI QUE TOMAR DECISIÓNS RAZOADAS E RAZONABLES PARA NON REPETIR O DESASTRE DO GARAÑÓN NIN O DESPILFARRO DA ANUNCIADA PASARELA SOBRE A N-VI”

O BNG propón un foro “técnico e aberto” sobre o futuro do barrio do Carme

Imaxe de El Progreso
Imaxe de El Progreso

“Levamos a pleno esta iniciativa por que entendemos que non é unha cuestión partidaria e debe ser impulsada por todos os grupos” afirmou Rubén Arroxo

O BNG propón un foro “técnico e aberto” sobre o futuro do barrio do Carme

Lugo, 15 de marzo 2018. O BNG-AA levará ao Pleno do concello de Lugo unha iniciativa para lograr “un foro aberto, plural e participativo no que profesionais, colectivos e persoas interesadas poidan debater sobre o futuro do barrio do Carmen”. Rubén Arroxo afirmou “levamos a pleno esta iniciativa por que entendemos que non é unha cuestión partidaria e debe ser impulsada por todos os grupos”. O BNG-AA propón un foro de debate aberto e plural a toda a sociedade e no cal se leven como poñentes a profesionais e persoas técnicas no sector da arquitectura, a historia e a arqueoloxía para que se debata sobre o futuro desta zona da cidade. 

Segundo explicou o voceiro do BNG “o barrio do Carme é unha autentica xoia en canto ao opatrimonio natural, arqueolóxico, histórico e arquitectónico situada entre a muralla e o Miño. É o único espazo dentro da zona urbana que se mantén sen desenvolver urbanisticamente, o cal permite que se poida levar adiante un deseño da zona que poida manter toda a súa riqueza material e que permita compaxinar co uso e aproveitamento da veciñanza e do turismo cultural” e por iso “entendemos que as decisións que se tomen para esta zona deben ser razonables e razonadas”. Para o BNG “no Barrio do Carmen non se pode repetir o desastre do Garañón nin o despilfarro da anunciada pasarela sobre a N-VI”.

“Agora mesmo dáse a oportunidade única, o Concello dispón dos fondos do plan EDUSI, máis estes fondos deben ser usados de forma racional, tanto para evitar o despilfarro en obras que van ter un desafortunado impacto visual (como o exemplo da pasarela con columnas dóricas) como para evitar que se destrúa elementos que poidan ter un grande valor” dixo Arroxo e engadiu “en relación con isto entendemos que se debería crear dende a institución un foro aberto á participación social onde se promovan a asistencia de poñentes cunha visión plural e que sexan profesionais do sector da arquitectura, historia e arqueoloxía, que permita un debate sobre o futuro do barrio: sostible, humanizado e que conserve o patrimonio natural e arqueolóxico”.