“OS DANOS EN VARIAS ZONAS AXARDINADAS SON MOI IMPORTANTES E HAI QUE PREVIR DANOS PERSOAIS OU ACCIDENTES E TRÁFICO” DIXO RUBÉN ARROXO

O BNG propón un plan de vixilancia da expansión do xabarín e de control dos danos

O voceiro do BNG lembrou que a responsabilidade sobre a fauna é da Xunta pero o concello debe impulsar medidas preventivas

O BNG propón un plan de vixilancia da expansión do xabarín e de control dos danos

Lugo, 24 de setembro de 2018. A voceiro do BNG, Rubén Arroxo, anunciou que o BNG proporá que o concello de Lugo estude a implantación dun plan de vixilancia da expansión do xabarín e de control dos danos nas zonas axardinadas da cidade. “O goberno municipal debería estar atento ao incremento da presenza de xabaríns no zona urbana, cada vez son máis as persoas que se atopan con eles e pode chegar o momento no que se xenere algún problema serio” advertiu Rubén Arroxo.

O voceiro do BNG sinalou que “os danos en zonas urbanas son moi frecuentes e a presenza de manadas destes animais son cada vez máis frecuentes”. Entendemos que o concello debe acordar coa Xunta e a Universidade un plan para tomar medidas de vixiancia e control da presenza destes animais. Arroxo propuxo que se estude aproveitar os cauces fluviais que rodean a cidade como fronteira natural .

Outra das medidas posibles sería a de sinalizar aquelas zonas onde é frecuente a presenza destes animais para evitar encontros con persoas como os que se dan habitualmente no paseo do Miño e do Rato. Moitas das zonas utilizadas para a práctica do deporte en Lugo son cada vez máis frecuentadas polas familias de xabaríns. Arroxo pediu que se instale ou se estude a instalación de sistema que disuadan aos animais de frecuentar certas zonas.

Sistemas para previr a invasión de estradas e vías de circulación. Arroxo sinalou que nalgunhas estradas xa se teñen instalado sistemas para evitar que os animais invadan a vía. “O concello ten que artellar medidas e pedir o apoio de outras administracións para anticiparse a un problema que vai ir a máis” apuntou Arroxo e pediu que se “avance” neste asunto antes de que xurdan problemas de importancia.