DENDE O BNG SINALARON O EXEMPLO DOS DESBROCES FEITOS RECENTEMENTE NO ENTORNO DO CENTRO COMERCIAL DE ABELLA E ANTERIORMENTE NO POLÍGONO DAS GÁNDARAS

O BNG propón un protocolo de retirada de plásticos nos terreos que se desbrocen

Arroxo sinalou “ao retirar a maleza aparecen miles de plásticos fragmentados que rematan nos sumidoiros e incluso poden chegar ao río e o mar”

O BNG propón un protocolo de retirada de plásticos nos terreos que se desbrocen

Lugo, 10 de novembro de 2018. O voceiro do BNG no concello de Lugo, Rubén Arroxo, propuxo que dende o Concello se poña estableza un protocolo de retirada de lixo, plásticos e inertes nos terreos que se desbrocen. Arroxo sinalou “ao retirar a maleza aparecen miles de plásticos fragmentados que rematan nos sumidoiros e incluso poden chegar ao río e o mar”. Dende o BNG sinalaron o exemplo dos desbroces feitos recentemente no entorno do Centro Comercial de Abella.

O BNG presentará iniciativa para que se regule esta retirada de plásticos nos traballos de limpeza que fai o propio Concello e tamén naquelas limpezas de fincas feitas por propietarios particulares. “De nada serve que se obrigue aos supermercados a cobrar as bolsas se deixamos voar os plásticos que están tirados en fincas e espazos públicos” afirmou Arroxo.

Arroxo sinalou que a limpeza de terreos xa está regulada na Ordenanza Municipal de Medioambiente e “avanzouse moito neste tema pola sensibilidade que tomou a sociedade lucense e galega despois das vagas de lume, pero agora temos que avanzar e concienciar para que se retiren os plásticos que aínda ocupan grande parte do territorio entre a vexentación de zonas da cidade”. “É a segunda vez que veciños de Lugo contactan con BNG preocupados por este asunto, primeiro foi nun desbroce feito no polígono das Gándaras e agora foi na zona de Abella” informou Arroxo.