O BNG PIDE QUE CALQUERA MULLER QUE SUFRA ACOSO “TEÑA A QUEN DIRIXIRSE EN TODOS E CADA UN DOS ESPAZOS NOS QUE SE CELEBRAN AS FESTAS”

O BNG propón un Punto Violeta no feiral e unha ampla implicación para acadar un S. Froilán libre de Sexismo

“Ademais da campaña o Goberno Municipal ten que implicar a toda a organización das festas, responsables dos espazos, hostaleiros e servizos públicos” dixo Maite Ferreiro

O BNG propón un Punto Violeta no feiral e unha ampla implicación para acadar un S. Froilán libre de Sexismo

Lugo, 4 de outubro de 2017. O edil do BNG, Maite Ferreiro, propuxo hoxe que no feiral se sinalice como Punto Violeta algunha das casetas que van ter persoal do concello de xeito continuo e con capacidade para dar resposta ás mulleres que se atopen con situacións de acoso. Ademais Ferreiro pediu “unha ampla implicación” para acadar un San Froilán libre de Sexismo e propuxo que dende o goberno municipal se dea información e se pida a colaboración de todas as persoas e responsables da organización das festas.

O BNG pide que calquera muller que sufra acoso “teña a quen dirixirse en todos e cada un dos espazos nos que se celebran as festas”. Maite Ferreiro lembrou que en todos os escenarios, espazos expositivos e recinto feiral estarán presentes policías, bombeiros, gardas de seguridade e outros responsables da organización que deben contar con formación e información para atender posibles casos de acoso sexual. “Ademais da campaña o Goberno Municipal ten que implicar a toda a organización das festas, responsables dos espazos, hostaleiros e servizos públicos” dixo Maite Ferreiro.

Maite Ferreiro felicitou o goberno por poñer en marcha e manter esta campaña por un San Froilán libre de sexismo e engadiu que “non debe quedar na edición de carteis” e poderíase avanzar creando este Punto Violeta e implicando a toda a organización das festas e incluso ao comercio e a hostalería. A iniciativa do BNG pretende contribuir a acadar un San Froilán libre de sexismo no que se pide non invadir o espazo de ninguén sen o seu consentimento, lembrando que o alcohol non xustifica as condutas de abuso e que os piropos e os chistes homófobos, misóxinos, tránsfobos e lesbófos son intolerantes e, tamén, contra comentarios e tocamentos nin calquera outro comportamento machista.

Felicitación a lucenses e visitantes

Os ediles do BNG aproveitaron este primeiro día das festas para saudar e felicitar a lucenses e visitantes nestas festas grandes do outono galego desexando que durante estas datas a cidade sexa lugar de encontro e celebración.