“AGORA QUE O PP PARECE ESTAR DISPOSTO A COLABORAR NA ERRADICACIÓN OS VESTIXIOS DO FRANQUISMO NA CIDADE É O MOMENTO PARA QUE LUGO AVANCE NESTE SENSO” DIXO ARROXO

O BNG proporá no Pleno retomar as propostas para mudar o nome da Avenida de Ramón Ferreiro

Arroxo lembrou que “houbo propostas interesantes como a de chamarlle Reimundo de Borgoña ou a proposta de Santiago Fernández Rocha que propuxo nomear a avenida como Irmandades da Fala”

O BNG proporá no Pleno retomar as propostas para mudar o nome da Avenida de Ramón Ferreiro

Lugo, 12 de decembro de 2017. O voceiro do BNG, Rubén Arroxo, presentará unha iniciativa no Pleno da corporación para solicitar formalmente a xuntanza da comisión do rueiro para analizar as posibilidades de retomar as propostas que xa xurdiran para mudar o nome da Av. de Ramón Ferreiro. Arroxo lembrou que “houbo propostas interesantes como a de chamarlle Reimundo de Borgoña ou a proposta de Santiago Fernández Rocha que, mentres foi portavoz dun grupo municipal, propuxo nomear a avenida como Irmandades da Fala” e engadiu “entendemos que o cambio dos nomes vencellados ao franquismo nas rúas da cidade está moi avanzado pero hai que continuar eliminando as homenaxes a persoeiros que formaron parte activa do réxime”.

“Entendemos que merecen un maior recoñecemento, por parte desta cidade, tanto Reimundo de Borgoña como as Irmandades da Fala” afirmou o voceiro do BNG e explicou “se ben é certo que existe controversia sobre se a figura de Ramón Ferreiro incorre ou non nos casos sobre os que ten vixencia a Lei da Memoria histórica tamén é certo que ocupou cargos do réxime tan significativos como o de gobernador civil e xefe provincial do Movemento da provincia de Lugo (1938-1943), anos nos que os fusilamentos e paseos foron continuos tanto por falanxistas como por forzas da orde pública en toda a provincia de Lugo”.

No seu momento presentouse un informe no que figuraba que a figura de Ramón Ferreiro non estaría afectada pola Lei de Memoría Histórica de cara a substituir o nome da Avenida utilizando como argumento o cumprimento desta Lei. Para o BNG “non se trata xa de facer o cambio de nome baixo a imposición da Lei de Memoría Histórica, trátase de avanzar na imaxe dun concello máis democrático e de eliminar as homenaxes que, co nome das rúas, se lles da a persoas que foron parte da estrutura represora dunha ditadura”.