O BNG XA RECLAMOU O ASFALTADO QUE PERMITIRÍA A VECIÑAS E VECIÑOS DE BOSENDE ACCEDER DENDE O PASEO DO RATO ÁS SÚAS VIVENDAS

O BNG reclama o acondicionamento do camiño de Penoucos en Bosende

“Levamos meses demandando, con veciñas e veciños, o arranxo desta vía que parece non está nos plans do Goberno Municipal” dixo Arroxo

O BNG reclama o acondicionamento do camiño de Penoucos en Bosende
Lugo, 27 de xullo 2018. O voceiro do BNG no concello de Lugo, Rubén Arroxo, uniuse á demanda de veciñas e veciños de Bosende para que se amañe o camiño de Penoucos. O BNG xa solicitou fai tempo a  apertura e arranxo do camiño público de Penoucos entre o río Rato e Bosende. Actualmente a maior parte do camiño está sen asfaltar e un tramo está totalmente intransitable.

Para as veciñas e veciños de Bosende, o camiño de Penoucos, é unha boa vía de comunicación porque lles permite chegar á cidade en pouco tempo. No catastro do ano 2.000 este camiño era de titularidade municipal e na última comisión na que se tratou este asunto o goberno municipal non tiña clara a titularidade do mesmo, ainda que se avanzou que se estaban a buscar solucións.

Trátase do asfaltado e apenas un quilómetro que permitiría a veciñas e veciños de Bosende acceder dende o paseo do Rato ás súas vivendas. “A demanda xa lle foi trasladada ao Goberno Municipal pero continúa paralizada a pesar das promesas feitas polo edil de medio rural” explicou Rubén Arroxo e apuntou “seguiremos insistindo con este tema por que é unha demanda veciñal e supón unha mellora para a calidade de vida das persoas que viven en Bosende”.

O BNG levou este asunto á Comisión de Medio Rural do 19 de outubro de 2017 e alí o edil de Medio Rural do Goberno Municipal explicou que o camiño ten 3 tramos: un que xa está asfaltado de titularidade pública, outro de titularidade dubidosa e un último tramo no que se está negociando co propietario para asfaltalo e pasalo a titularidade pública.