NO ANO 2008 O CONCELLO RECIBIU A AV. ADOLFO SUÁREZ (ANTES CARLOS AZCÁRRAGA) DENDE A ROTONDA DA CAMPIÑA E, DENDE AQUELA, NON SE FIXO NADA NESTA ZONA

O BNG reclama unha actuación integral na Fervedoira para a mellora da zona

fervedoira

 “Vertidos de augas residuais, maleza tapando viais, farolas ocultas polas árbores, son a paisaxe actual da Fervedoira” explicou Rubén Arroxo

O BNG reclama unha actuación integral na Fervedoira para a mellora da zona

Lugo, 25 de xaneiro 2018. O BNG reclama do Concello que se execute unha actuación integral na Fervedoira. Rubén Arroxo sinalou “hai un acordo plenario dende xuño de 2018 para  rozar e limpar as cunetas, podar as árbores para permitir a boa iluminacións dos farois, retirar as terras existentes na beiravía a raíz dos desprendementos, controlar os verquidos de augas fecais, etc...”. A antiga estrada N-640 no tramo que vai dende a avenida Adolfo Suárez ata a rotonda de enlace coa Ronda Norte foi transferida de Fomento ao Concello de Lugo en abril do 2008. Dende aquel momento non se fixo ningún tipo de intervención nesta esta vía cuestión que provoca consecuencias pola falta absoluta de atención.

Arroxo visitou a zona para comprobar que, a pesares do acordo plenario,”non se fixo nada”. Veciñas da zona pediron o apoio do BNG para que o Concello interveña na zona. “Non se trata dun gran investimento, trátase de cousas de sentido común, e as persoas que viven na zona teñen toda a razón” explicou Rubén Arroxo. Neste momento as pólas das árbores tapan as lámpadas dos farois, creando zonas sombrías na calzada, falta de roce e limpeza das cunetas ou incluso a retirada de terras provocadas polas choivas do inverno que a día de hoxe aínda ocupan a beiravía. Tamén se poden detectar sumidoiros sen tapa, ou incluso un colector que verte augas fecais directamente á cuneta.

O BNG propón, tamén, desenvolver unha beirarrúa que conecte o barrio do Sagrado Corazón coa Campiña, dado que neste momento o paso a pé por esta zona é altamente perigoso e non existe alternativa para se poder desprazar. “Moitas persoas camiñan por esta estrada, que agora é unha vía urbana, con pouca seguridade pola falta de espazo para transitar a pé, por iso creemos necesario facer unha beirarrúa dende o barrio do Sagrado Corazón ata o núcleo habitado”.

O sendeiro frustrado a carón do río Fervedoira

Arroxo lembrou, tamén, que foi o PSOE da Deputación quen se negou a levar adiante a proposta do BNG para recuperar o camino que transcurre paralelo ao río Fervedoiro dende o río Rato ata a urbanización de Castro Gil. “Esta sería unha opción para abrir unha vía peonil nesta zona e permitir un acceso seguro e de calidade para a veciñanza da zona”.

O BNG reclama unha actuación integral na Fervedoira para a mellora da zona