O EDIFICIO DA RESIDENCIA E CENTRO DE DÍA DO CÁDAVO-BALEIRA FOI REMATADO FAI 3 ANOS E AÍNDA NON SE PUXO EN SERVIZO

O BNG reclama a posta en funcionamento da residencia de maiores do Cádavo - Baleira

A Parlamentaria do BNG, Olalla Rodil,  lembrou que “o edificio segue pechado mentres moitas persoas necesitan este servizo”

O BNG reclama a posta en funcionamento da residencia de maiores do Cádavo - Baleira

O Cádavo, 9 de febreiro de 2019. A parlamentaria do BNG por Lugo, Olalla Rodil, visitou o concello de Baleira acompañada de representantes do BNG para denunciar, unha vez máis, a situación na que se atopa o edificio da residencia e centro de día do Cádavo-Baleira. Este edificio foi rematado no ano 2015 e aínda non se puxo en marcha por falta de dotacións e pola inacción do goberno galego e doconcello de Baleira.

A vice-voceira do BNG no Parlamento Galego sinalou que "neste edificio investíronse máis de 1,3 millóns de euros e agora está vacio, sen actividade e sen atender os servizos para os que foi previsto". Para a posta en marcha da residencia e centro de día do Cádavo-Baleira compre acometer a dotación do mesmo, que está valorada nuns 300.000 euros, e afrontar todo o relativo á xestión e posta en marcha con persoal e servizos necesarios.

Olalla Rodil explicou que “neste caso vemos, unha vez máis, como o PP tivo interese en facer a obra para dar beneficio ás empresas construtoras pero agora non interesa a posta en marcha da residencia nin do centro de día”. Rodil, que mantivo unha xuntanza co representantes do BNG do concello de Baleira para analizar as necesidades e posibilidades de atención á terceira idade que se dan nesta comarca.

“Queremos que o PP nos explique por que está sen abrir esta residencia nun concello onde gobernaron dende o século pasado e no que parece que non lles preocupa que un edificio permaneza pechado e deteriorándose mentres moitas persoas que o precisan carecen do servizo para o que foi construído” afirmou Olalla Rodil. Olalla Rodil lembrou que o BNG ven presentando emendas aos orzamentos da Xunta para “conseguir os 300.000 euros necesarios para dotar o edificio”.