O CONSELLO ESCOLAR MUNICIPAL É O ORGANO AXEITADO PARA IMPULSAR ESTA INICIATIVA POR QUE NEL ESTÁN REPRESENTADAS ANPAS, SINDICATOS, ALUMNADO, CENTROS E CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN

O BNG solicita que se aborde no Consello Escolar Municipal a implantación Itinerarios Escolares Seguros

“O goberno debe trasladar a este órgano a iniciativa para implantar os Itinerarios Escolares Seguros e dar conta dos trámites feitos ata agora” dixo Maite Ferreiro

O BNG solicita que se aborde no Consello Escolar Municipal a implantación Itinerarios Escolares Seguros

Lugo, 4 de setembro 2017. O BNG – Asambleas Abertas solicitará que na próxima xuntanza do Consello Escolar Municipal se aborde o a implantación dos Itinerarios Escolares Seguros. A edil Maite Ferreiro fixo fincapé en que “entendemos que este é o órgano do concello axeitado para impulsar esta iniciativa que xa foi aprobada no pleno do concello no ano 2009 e que ata agora quedou sen desenvolver por falta de interese do goberno socialista”. “O goberno debe trasladar a este órgano a iniciativa para implantar os Itinerarios Escolares Seguros e dar conta dos trámites feitos ata agora” dixo Maite Ferreiro.

O Consello Escolar Municipal é un órgano de consulta e asesoramento creado polo Concello de Lugo para promover a participación cidadá na programación e a xestión do ensino e aquelas cuestións relacionadas coas competencias municipais en materia educativa “por eso entendemos que este asunto debe ser tratado neste foro para contar coa opinión de todos os colectivos vencellados á comunidade educativa” indicou Ferreiro que lembrou que neste consello muncipal están representadas as federacións de nais e pais de alumnos, sindicatos, alumnado, centros públicos, privados e concertados, Consellería de Educación e persoal municipal. A súa presidencia correspóndelle á concelleira ou concelleiro delegado da área de goberno na que se engloba o servizo de Educación.

Dende o BNG “entendemos que se debe facer unha implantación progresiva destes itinerarios escolares para ter garantías de éxito e, pouco a pouco, extendelos ao maior número de centros educativos da cidade”. Os Itinerarios Escolares Seguros xa están a funcionar noutras cidades, como é o caso de Pontevedra, e teñen como obxectivo o agrupamento de persoas da comunidade escolar á hora de transitar, a pé, cara os centros escolares”. Estes itinerarios terían un ou varios trazados asignados a cada centro educativo e poríase en marcha en colaboración cos propios centros, as familias e coa participación voluntaria dos comerciantes da zona.

O BNG – Asambleas Abertas aposta pola implantación dos Itinerarios Escolares como un xeito máis de “camiñar cara unha cidade máis humanizada, para as persoas”. Na posta en marcha destes itinerarios estarían implicados os propios centros escolares, as ANPAS e o goberno municipal. A creación de itinerarios escolares foi unha proposta levada a pleno polo BNG o 29 de xuño de 2009 e aprobada por tódalas forzas políticas. No momento da elaboración da Ordenanza Municipal de Circulación o BNG tamén incluíu, entre as súas alegacións, que se crease un apartado adicado a regular o funcionamento destes Itinerarios Escolares.

Segundo explicou Maite Ferreiro “a creación destes itinerarios suporía a colocación e sinalización pertinente do camiño a seguir así como dos puntos de encontro dos nenos/as e familiares para realizar xuntos/as o itinerario diario ao centro dun xeito máis seguro”. Os nenos e nenas estarían acompañados por persoas que, implicadas na implantación dos itinerarios, contribuísen a facer máis seguro o transito dos escolares, sobre todo nos cruces e interseccións.