O BNG solicita que se recupere o parque infantil da praza da Milagrosa

Rubén Arroxo sinalou “cando se peonaliza hai que apostar por dar vida a eses novos espazos, e retirando instalacións infantís vaise na dirección contraria”

O BNG solicita que se recupere o parque infantil da praza da Milagrosa

Lugo, 22 de abril 2019. O BNG solicita que se volva instalar o parque infantil que había na praza da Milagrosa e que foi retirado, e non reposto, coas obras de peonalización deste espazo. Para o voceiro nacionalista, Rubén Arroxo, a retirada desta instalación é un auténtico erro de planificación por parte do goberno municipal de cara a mellorar e dinamizar os espazos públicos “cando se peonaliza hai que apostar por dar vida a eses novos espazos, e retirando instalacións infantís vaise na dirección contraria”.

O BNG pregunta tamén a onde se trasladaron estas instalacións, e cal foi a razón para que non se tivesen recolocado directamente no proceso da obra. Nesta liña dende o grupo nacionalista informaron que son varias as veciñas e veciños que están a preguntar se se vai repoñer ou se decidiron retiralo definitivamente, tendo en conta ademais que o barrio da Milagrosa é o máis poboado da cidade.

Por outra banda o voceiro e candidato a alcaldía polo BNG, Rubén Arroxo, asegurou que os parques infantís de Lugo precisan unha renovación xeral, e asegurou que a súa candidatura leva incorporado no programa electoral a proposta dunha intervención na totalidade destas instalacións