O BNG PRESENTA ESTA PROPOSICIÓN EN MÁIS CONCELLOS AFECTADOS

O BNG solicitará que o pleno inste á xunta a promover unha mellora na liña ferroviaria A Coruña - Monforte

As melloras que se solicitan á xunta facilitarán “que Lugo teña un tren digno e que nos permita movernos polo territorio galego”

O BNG solicitará que o pleno inste á xunta a promover unha mellora na liña ferroviaria A Coruña - Monforte

Lugo, 16 de setembro de 2019.  O BNG levará unha proposición ao pleno de setembro onde para solicitar á Xunta que inicie negociacións con RENFE e ADIF “para promover unha mellora integral na infraestrutura do ferrocarril na liña A Coruña – Monforte”, indicou Rubén Arroxo. Para o portavoz nacionalista, as melloras que solicita á Xunta facilitarán “que Lugo teña un tren digno e que nos permita movernos polo territorio galego”.

 

Esta proposición, que o BNG presenta tamén en máis concellos afectados, solicita que se promova unha mellora integral da infraestrutura, incorporando a dupla vía, mellorando o trazado, eliminando definitivamente os pasos a nivel, electrificándoa e aumentando os sistemas de seguridade, resultando unha liña mixta, viaxeiros – mercadorías, homologada aos actuais estándares europeos.

 

Ademais disto, o BNG solicita a adecuación de horarios en tres servizos, mañá, mediodía e serán, en ambos sentidos, que faciliten a chegada ás cidades e os transbordos cos servizos de Longa Distancia, xunto coa asimilación tarifaria, axudas e bonificacións en igualdade de condicións ao transporte por estrada.

 

Segundo o BNG, a eliminación do ferrocarril supón unha perda de servizos para localidades que teñen que facer fronte a un panorama económico e social de por si complexo, invisibilizándoas por exemplo cara ao sector turístico. No caso da xente moza, podería ter, cunha oferta digna de Media Distancia, acceso e interacción coas cidades, e nos tramos de poboación de maior idade, que podería usar o ferrocarril ao abandonar ou non ter acceso ao vehículo particular.