A EDIL DE CULTURA NON RESPONDEU POR QUE SE FIXERON AS CONTRATACIÓNS A TRAVÉS DE EMPRESAS RELACIONADAS CUN RESPONSABLE DE COMUNICACIÓN DO PSOE DE FERROL

O BNG-AA esíxelle a Basadre que retire as acusacións feitas na comparecencia ou “pediremos a súa dimisión”

IMG_0844


“Los Suaves non foron contratados cando o BNG estivo no goberno, esta foi unha das mentiras facilmente comprobables das que dixo onte Carmen Basadre” dixo Ferreiro

O BNG-AA esíxelle a Basadre que retire as acusacións feitas na comparecencia ou “pediremos a súa dimisión”

Lugo, 31 de marzo de 2017. “Esixímoslle á edil de Cultura que retire as acusacións gratuítas e as insinuacións feitas, contra a xestión do BNG no departamento de Cultura, na comparecencia de onte” dixo Maite Ferreiro e anunciou “se non pediremos formalmente a súa dimisión”. Maite Ferreiro acusou a Basadre de “non dar ningunha explicación das que se lle pedían, dedicarse a mentir e sementar sospeitas sobre a xestión do BNG en cultura no período 2011 - 2012”. Ferreiro afirmou que “non se contestou á información e os datos que presentou BNG que eran moito máis fidedignos que as vagas explicacións que se están a dar dende o goberno municipal para tratar de tapar un asunto que cada vez colle peor aspecto e que cheira a corrupción”. 

“Queremos saber a onde foron os cartos que se pagaron de máis por estes concertos e superaron os 20.000 euros e preocúpanos que a alcaldesa manteña a esta muller ao fronte do departamento de cultura” concluiu Maite Ferreiro e tachou de “feito lamentable” que algunhas das empresas que nomeu na súa comparecencia tiveran que sair a desmentila e a aclarar que algúns dos contratos que a edil de cultura atribuiu ao BNG foron feitos por ela mesma.

Maite Ferreiro dixo “se a edil de cultura non retira as acusacións feitas onte a alcaldesa debería reprobala”. “Los Suaves non foron contratados cando o BNG estivo no goberno, esta foi unha das mentiras facilmente comprobables das que soltou onte Carmen Basadre” dixo Ferreiro. A edil de cultura non deu resposta, na comparecencia, sobre os sobrecustos dos concertos, nin sobre a relación entre a contratación e o feito de que se contratasen a través de empresas relacionadas cun responsable de comunicación do PSOE de Ferrol. Ademais a edil de cultura negou que se pagaran 18.150 € polo concerto de Milladoiro, cando toda a documentación existente no concello fai ver que esto foi así.

“Pediremos os expedientes de contratación para ver se é certo que unha empresa editorial fixo, como asegurou onte Basadre, unha declaración xurada de que ten os dereitos de representación dun artista” anuciou a edil nacionalista que sinalou “no caso de Coque Malla, o prezo de mercado segundo ofertas da súa oficina de management, a madrileña Morgan Britos, é de 10.000 euros e o prezo pagado en Lugo foi de 19.360 € a través da empresa editorial EMBORA de Ferrol como axente intermediario, coa que está relacionado o que fora responsable de comunicación da campaña do PSOE nas pasadas eleccións municipais”.

A edil do BNG – AA lembrou como no caso de Ariel Rot o prezo de mercado e segundo ofertas da súa oficina de management, a madrileña Morgan Britos, 9.000 euros pero o prezo pagado en Lugo 15.125 € con Sesnarmiga de Ferrol como axente intermediario. Milladoiro: prezo de mercado prezo recoñeciso por eles e pagado por moitos concellos galegos e españois, 8.000 euros – Prezo pagado en Lugo 18.150 € con Sesnarmiga de Ferrol como axente intermediario. Marlango: prezo de mercado segundo ofertas da súa oficina de management, a madrileña Morgan Britos, 6.000 euros – Prezo pagado en Lugo 8.470 € con Iguana Management como axente intermediario. Curiosamente, este é o prezo que máis se aproxima ao prezo real de mercado e o concerto non foi contratado a través das empresas de Ferrol relacionadas co PSOE.

“O BNG, cando xestionou a área de Cultura do concello de Lugo traballou con todo tipo de empresas de Lugo e de fora de Lugo e sempre velando polos intereses do concello e tratando de facer unha programación cultural óptima para a cidade” asegurou Ferreiro. Dende o BNG manifestaron que “todas as contratacións foron feitas seguindo os procedementos legais, con transparencia e sen favoritismos, por eso esiximos que a edil de cultura retire todas as insinuacións e manifestacións feitas onte tratando de sementar a dúbida sobre a nosa xestión”. 

A edil do BNG-AA referiuse “as escasas” explicacións dadas onte por Basadre que “atriubuiu” os sobre-custos pagados aos gastos de “cachés, xestión, produción, hospitalidade e todo o que está incluida”. Maite Ferreiro que o concello “unicamente tería que pagar o caché dentro dos prezos de mercado” por que o concello de Lugo ten establecido un contrato cunha empresa para atender as necesidades técnicas e de produción dos eventos que se albergan no Auditorio Gustavo Freire. Este contrato foi adxudicado á empresa Alenti por concurso público e esta mesma semana foi aprobada a súa prorroga. Así, na Xunta de Goberno do 15 de febreiro, foi prorrogado o contrato do servizo de produción, apertura e vixilancia para a execución de espectáculos e actividades no Auditorio Municipal Gustavo Freire, entre o 1 de xaneiro e o 16 de xuño de 2017, por un prezo anual revisado de 82.363,18.

Necesidades específicas de artistas
Maite explicou que, o contrato do servizo de produción, apertura e vixilancia para a execución de espectáculos e actividades no Auditorio Municipal Gustavo Freire cubre todas as datas dos concertos contratados de Ariel Rot, Marlango, Coque Malla e Milladoiro. “Neste contrato existe unha partida anual de 6.544,23 € (ive incluido) para necesidades específicas de artistas” sinalou Maite Ferreiro e finalizou “con esta partida poderían cubrirse todas esas necesidades das que se fala dende o goberno e que tamén debería concretar cales son con datos e requerimentos por escrito dos artistas para acabar de ilustrarnos”.
 

O BNG-AA esíxelle a Basadre que retire as acusacións feitas na comparecencia ou “pediremos a súa dimisión”