MAITE FERREIRO ANUNCIOU “LEVAMOS ESTA PROPOSTA Á XUNTA DE PORTAVOCES, ENTENDEMOS QUE DESPOIS DO GASTO REALIZADO OS CONCERTOS DEBEN TER PREZOS AXEITADOS”

O BNG-AA propón que se rebaixe a 5 € o prezo da entrada dos concertos contratados por cultura

O prezo das entradas para os concertos de Coque Malla, Marlango en Milladoiro é de 15 e 18 euros e o BNG-AA propón que se reduza a unha entrada única de 5 €

O BNG-AA propón que se rebaixe a 5 € o prezo da entrada dos concertos contratados por cultura

Lugo, 20 de febreiro de 2017. A edil Maite Ferreiro anunciou que o BNG-AA levará á xunta de voceiros unha proposta para que se reduza o prezo dos concertos que foron contratados pola área de cultura nos que se fixo un gasto de 61.105 €. “Non pode ser que por riba de ter este coste para todas e todos os lucenses solamente poidan desfrutar destes concertos aquelas persoas que poidan permitirse un desenbolso de 15 ou 18 euros para pagar a entrada” dixo Maite Ferreiro e engadiu “polo menos temos que tratar de que o Auditorio se encha e que poidan disfrutar do espectáculo o maior número posible de lucenses”.

Maite Ferreiro referiuse ao lamentable feito de que solamente 100 persoas mercasen entradas para o primeiro dos concertos “fallou a publicidade, pero tamén temos que recoñecer que poucas persoas se poden permitir, nesta situación económica, pagar 15 ou 18 € para ver un concerto”. Ferreiro salientou que cos prezos actuais, para o concerto de Milladoiro aínda están pendentes de vender 845 e apenas se venderon 20. A proposta do BNG-AA ten como obxectivo “encher o auditorio para que os artistas teñan o recoñecemento que se merecen e o concello poida recuperar cartos”. Segundo Maite Ferreiro “se o concello vende 800 entradas a 5 € recuperará 4.000 €, se vende 100 a 18 € recuperará 1.800 €”.

O BNG-AA levou esta proposta á xunta de voceiros para tratar de “reconducir a desastrosa situación que se xenerou dende a área de Cultura”. Maite Ferreiro explicou que “non é normal ter que levar este tipo de cuestións ás xuntas de portavoces pero neste caso o escándalo é de tal magnitude que non nos queda máis remedio” ademais “en vista de que a edil de Cultura non da explicacións nin se fixo absolutamente nada para emendar a situación entendemos que a corporación debe tomar cartas no asunto para tratar de que se lle saque o máximo beneficio social a este gasto no que se meteu o goberno municipal e que ten moitas cousas pendentes de aclarar”.

O Auditorio de Lugo conta, aproximadamente, con 875 localidades que se poñen á venta, en forma de entradas, para os concertos. Na mañá do luns 20 de febreiro, a falta de 3 días para o concerto de Milladoiro, aínda estaban pendentes de vender 840 entradas o que “fai prever que a asistencia de público será mínima unha vez máis” dixo Maite Ferreiro e sinalou que “entendemos que os artistas non teñen culpa da mala xestión da área de cultura do concello de Lugo e non merecen atoparse cun auditorio baleiro no momento da súa actuación”.

 

 

NOTA: Achégase corte de voz