DENDE A CONCELLERÍA ESTÍMASE TER COLOCADO O BUSTO NO SEU NOVO EMPRAZAMENTO A FINAIS DE XANEIRO

Comeza a retirada do busto de Xoán Montes

Realizarase unha escavación arqueolóxica no novo emprazamento, e a escultura pasará por un proceso de restauración

Comeza a retirada do busto de Xoán Montes

Lugo, 25 de novembro de 2019. O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, xunto co Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, visitaron o parque de San Roque, onde durante a mañá de hoxe comezaron os traballos para a desmontaxe do busto de Xoán Montes e o seu posterior traslado á praza Maior. Esta actuación faise por iniciativa de varios colectivos vencellados á cultura na cidade de Lugo e para resituar a figura de Xoán Montes no centro da cidade. Esta ubicación elixiuse dado que o propio Xoán Montes desenvolveu boa parte da súa actividade musical no quiosco da música da praza maior, o Círculo das Artes e a Catedral.

Penas indicou que, unha vez desmontado, o busto pasará por un proceso de restauración e limpeza por parte dun equipo especializado, que ten unha duración estimada de sete semanas. Durante o mes de xaneiro, realizaranse as escavacións arqueolóxicas precisas para a colocación da estrutura e posteriormente do busto. Segundo as previsións da concellería de Infraestruturas Urbanas, a montaxe do busto realizarase, previsiblemente, na última semana de xaneiro de 2020, unha vez rematen as escavacións.

O expediente para esta actuación iniciouse no pasado mandato, e foi impulsado no suplemento de crédito aprobado polo actual goberno no mes de setembro, cunha inversión de 18.000 euros.

Comeza a retirada do busto de Xoán Montes