A concellería de Educación inicia a entrega de máscaras infantís aos centros de ensino da cidade

Felipe Rivas e Rubén Arroxo, arquivo.
Felipe Rivas e Rubén Arroxo, arquivo.

Felipe Rivas: “Desde a Concellería de Educación asumimos novamente unha responsabilidade que non é a nosa competencia debido ao abandono da Xunta de Galiza”

“Desde o comezo da crise sanitaria as distintas áreas dependentes da Tenencia de Alcaldía do Concello realizamos diversas accións para facilitar a adaptación á nova normalidade das nenas e nenos”, afirmou Felipe Rivas

A concellería de Educación inicia a entrega de máscaras infantís aos centros de ensino da cidade

Lugo, 03 de novembro de 2020. O concelleiro de Educación, Felipe Rivas, informou que no día de hoxe comezou o reparto de máscaras infantís que entregou a Concellería de Educación para facilitar ás familias o cumprimento das medidas de prevención nos centros de ensino. “No pleno de setembro, a Corporación Municipal acordou entregar máscaras infantís ás familias con baixos recursos”, explicou Felipe Rivas, que engadiu “malia que as competencias en educación as ten a Xunta de Galiza, desde a concellería de Educación quixemos realizar esta tarefa no menor lapso de tempo posíbel”.

“A Xunta de Galiza non tivo en conta que o gasto en máscaras pode ser inasumible para as familias que estén a pasar por unha situación económica delicada”, declarou Felipe Rivas, que agradeceu “a colaboración mostrada polos centros de Ensino para que as nenas e nenos de Lugo teñan acceso ás máscaras obrigatorias sen importar os recursos das súas familias”.

A concellería de Educación entregará a máis de 10.000 máscaras infantís reutilizábeis a nenas e nenos de entre 6 e 12 anos que asisten a centros de ensino sostidos con fondos públicos.

 O edil de Educación lembrou que “as distintas áreas dependentes da Tenencia de Alcaldía realizamos, desde o inicio da crise sanitaria, distintas accións para facilitar a adaptación á nova normalidade das nenas e nenos”. Rivas destacou accións como “o servizo de impresión a demanda, que permitiu a todas as familias de Lugo ter acceso ao material didáctico  e poder continuar coa formación desde a casa durante o confinamento” ou o proxecto Tecendo Brincadeiras, “que co inicio das saídas á rúa permitiu ás nenas e nenos xogar sen deterse e mantendo a distancia de seguridade”.  Ademais, Felipe Rivas destacou que “enviamos a todas as nenas e nenos unha máscara infantil para garantir a súa seguridade cando deu inicio o desconfinamento”.

A concellería de Educación inicia a entrega de máscaras infantís aos centros de ensino da cidade