A concellería de Infraestruturas renova o alumeado público da Fonte dos Ranchos

Os edís de infraestruturas e mobilidade na Fonte dos Ranchos
Os edís de infraestruturas e mobilidade na Fonte dos Ranchos

Alexandre Penas: “esta renovación permitirá aforrar en gasto e reducir en mantemento ao haber actualmente unha instalación moi antiga”

A área de Infraestruturas renovará as canalizacións e a instalación eléctrica e mudará as actuais luminarias por LED para reducir o consumo enerxético

A concellería de Infraestruturas renova o alumeado público da Fonte dos Ranchos

Lugo, 02 de decembro de 2020. O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, anunciou a aprobación da contratación na Xunta de Goberno de hoxe da renovación da iluminación da Fonte dos Ranchos, da rúa Doutor Ochoa e do primeiro treito da avenida das Américas, até o cruce coa rúa Ameneiro. Segundo afirmou Alexandre Penas, “con este investimento o concello aforrará mensualmente no consumo eléctrico, avanzando cara a unha cidade máis ecolóxica, e tamén nos recursos dedicados ao mantemento, xa que se renovará toda a instalación”.

A actuación licitouse por 268.934€ e un prazo de execución de 3 meses. Mudaranse máis de 60 luminarias, o que permitirá unha redución de ata o 50% do consumo eléctrico con respecto ao actual, cumprindo igualmente con todas as indicacións do regulamento de eficiencia enerxética para alumeado exterior. O edil de Infraestruturas explicou que “esta é unha das actuacións que integramos no último suplemento de crédito, que inclúe máis dun millón de euros para renovar o alumeado público das zonas urbanas e periurbanas da cidade”.

 

Penas explicou que “a mellora do alumeado aumentará tamén a visibilidade e a seguridade da veciñanza da contorna”, e lembrou que “tratamos de realizar intervencións nos distintos barrios para que o mantemento de toda a cidade avance de maneira uniforme, planificando actuacións a partir das solicitudes veciñais e das visitas aos distintos barrios”.

A concellería de Infraestruturas renova o alumeado público da Fonte dos Ranchos