O BNG PEDIRÁ, UNHA VEZ MÁIS, QUE SE CONVOQUE Á OPOSICIÓN PARA FALAR SOBRE AS LIÑAS DE BUSES E PODER RACIONALIZAR “O DESPROPÓSITO DO TRANSPORTE URBANO”

O concello dilapida máis 20.000 € anuais con buses dando 12.000 voltas a unha rotonda

Tres liñas de buses que pasan por diante da piscina das Pedreiras van dar a volta á rotonda da Av. de Madrid, na Tolda, cando antes xiraban nas Pedreiras

O concello dilapida máis 20.000 € anuais con buses dando 12.000 voltas a unha rotonda

Lugo, 19 de marzo 2018. O voceiro do BNG ven de dar conta do “despropósito” que supón o feito de que os autobuses que pasan por diante da piscina das Pedreiras vaian dar a volta á rotonda da Av. de Madrid, na Tolda. Rubén Arroxo sinalou que o BNG pedirá, unha vez máis, que se convoque á oposición para falar sobre as liñas de buses e poder racionalizar “o despropósito do transporte urbano” e sinalou que “o concello dilapida máis 20.000 € anuais con buses dando 12.000 voltas a unha rotonda”. O voceiro do BNG-AA no concello de Lugo explicou que “calculamos o que supón que as tres liñas, que pasan por diante da piscina vaian dar a volta á Av. de Madrid e non o fagan na rotonda existente a carón das piscinas como facían antes cando, ademais, esta rotonda xa foi ampliada no seu momento para que os buses puideran xirar alí”.

Rubén Arroxo explicou que este percorrido faise unhas 4000 veces ao ano, e son tres liñas diferentes as que fan este percorrido (1,7e 10) o que supón que os autobuses dan unhas 12.000 voltas “innecesarias” na rotonda da Av. de Madrid. Segundo Arroxo “o percorrido é duns 800 metros e esto fai que ao longo do ano sexan máis de 9.600 km e multiplicados polos 2,10 €/km que o concello lle paga á adxudicataria a cantidade total supera os 20.000 € anuais”. Para o BNG “esta é unha mostra máis do descontrol sobre os percorridos, liñas e custo do que lle supón ao concello o servizo de buses” e engadiu “resultado tamén do feito de non dar información sobre o novo contrato que continúa escondido no caixón da alcaldesa”.

Na zona das Pedreiras existen dúas paradas en menos de 30 metros, unha diante da piscina e outra diante da Facultade Humanidades. “Este percorrido extraordinario e a parada de diante a Facultade de Humanidades non figura nin na guía de buses oficial do concello ( http://www.lugo.es/ws/documentos/2010_GUIA_BUSES.pdf ) pero si que figura á hora de abonarlle á empresa concesionaria máis de 20.000 € anuais” afirmou Arroxo. O BNG presentou os cálculos do sobre custo que supón para o concello este, aparentemente curto, desvío nos traxectos das liñas de buses e anunciou a publicación dun vídeo explicativo sobre este percorridos.

Cálculos buses rotonda da Tolda:

Luns a venres -> 14 liñas/día x 5 días x 52 semanas = 3640 viaxes/ano

Sábados         ->  7 liñas/día x 52 semanas = 364 viaxes/ano

 

Total -> 4004 viaxes/ano

 

4004 viaxes/ano x 3 liñas de bus (1, 7 e 10) = 12012 viaxes/ano

 

12012 viaxes/ano x 0,8km = 9609,6km

 

9609,6km x 2,10€/km = 20180€